HomeEn profundidadeWallyland, un espazo con actividades alternativas para pequenos e maiores en Quiroga

Wallyland, un espazo con actividades alternativas para pequenos e maiores en Quiroga

Coñecemos o proxecto de Sheila, unha viguesa asentada en Quiroga que en poucos anos conseguiu crear interese por actividades deportivas e físicas alternativas.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Sheila naceu en Vigo e dende o 2021 vive en Quiroga, localidade á que chegou coa familia seguindo os pasos dunha tía que os convenceu de que esta vila era un bo lugar para vivir.

Facendo balance destes anos afirma estar contenta do cambio, de vivir nun lugar moito máis pequeno que Vigo, e valora en positivo a evolución que foi dando a súa dedicación ás clases de danza, patinaxe, zumba, acrodance e ximnasia. Actualmente dispón dun local, bautizado como Wallyland, onde imparte actividades dirixidas a usuarios/as de todas as idades.

Falamos con esta extrovertida emprendedora.

Cando e por que decides empezar as actividades en Quiroga?

Todo xurdiu cando levaba á miña afillada ao colexio e vía que non tiñan deportes alternativos. Falei coa a ANPA do CEIP e decidimos crear as actividades de danza moderna e patinaxe. O primeiro ano apuntouse xa moita xente.

E aparte do colexio?

Dende o Concello, no curso 2022-2023 o concelleiro de deportes ofreceume facer zumba e tamén funcionou moi ben. Este novo curso seguimos con ela.

No 2023 deches un paso importante. Cóntanos.

Si. Foi coller un local para crear unha escola onde poder desenvolver as actividades que xa realizaba e incluír outras diferentes como foi danza moderna para adultos.

A escola chámase Wallyland. Por que ese nome?

O nome puxéronllo os propios alumnos. Fóra de Quiroga coñécenme co alcume de Wally e de aí xurdiu Wallyland.

Local de Wallyland en Quiroga / XdL

Como está indo todo?

Pois moi ben. Mantendo as actividades que xa realizo incluín acrodance, esta última actividade con especial éxito de inscritas e inscritos. Ademais, estou levando a Aula de Madrugadores no colexio e facendo clases de ximnasia no Centro Social dúas mañás á semana.

Traballando con usuarias e usuarios de todas as idades, como cres que lle benefician as actividades segundo a idade?

Para as nenas e nenos, as aulas son unha zona de xogo e un fogar; para os adolescentes serven de desconexión do día a día e un lugar para atoparse cos amigos e coas amigas ademais de para medrar no aspecto deportivo nalgún caso; para os maiores serven para socializar e desafogarse… algúns chámanlle “ir a risoterapia” (ri).

Semella que se respire un bo ambiente nas clases?

Si, crear bo ambiente e vínculos novos entre a xente é un dos meus obxectivos principais. Traballo moito con eles a idea de ser como unha familia, valores de convivencia, apoio… Estou moi contenta coa xente que teño, dá ideas, é moi participativa e agradecida. Algo que me enche moito é abrir a porta e ver fóra os nenos e nenas que están esperando para entrar cun sorriso na boca.

“crear bo ambiente e vínculos novos entre a xente é un dos meus obxectivos principais”

Algún proxecto de presente ou futuro?

Seguir evolucionando como agora e conseguir competir en danza moderna co grupo de medianos e maiores.

Para rematar, como foi a Gala de danza moderna e acrodance que organizastes o 17 de decembro no Auditorio Municipal?

Foi todo moi ben. Estou moi orgullosa de todo o traballo das alumnas e dos alumnos e moi agradecida coas nais que axudaron a preparar todo e co público  de Quiroga que conseguiu encher o Auditorio… ademais de enchelo había xente de pé polos pasillos e nas escaleiras. E iso agradécese moitísimo, sobre todo os quen están enriba do escenario que saen e ao ver todo cheo élles unha gran motivación.

Moi contenta, en definitiva, pero hai que seguir traballando para poder levalos o 10 de febreiro a un concurso que se celebra en Santiago de Compostela.

Un momento da gala do pasado 17 de decembro no Auditorio Municipal de Quiroga. Foto: Sheila

ÚLTIMAS

Ata o 25 de abril pódense solicitar as axudas para a colleita en verde

Estas axudas están dotadas cun orzamento de 600.000€ do Fondo Europeo Agrícola de Garantía...

O Multiusos de Monforte acolle este 10 de abril a representación de “Mulleres que viven soas”

Representarase a obra, Mulleres que viven soas, da compañía Berrobambán, obra escrita por Paula...

Unanimidade en Chantada para esixir unha cobertura sanitaria suficiente

Antom Fente, voceiro de Por Chantada-IGV, manifestaba satisfacción pola unión de todas as forzas...

O empresario orixinario de Pantón, Gerardo Rodríguez, segue levando o sabor de Galicia a Madrid

Anos despois seguíulle dando forma ao seu proxecto e puxo en marcha no 2018...