HomeEconomíaO pleno de Monforte aproba a licitación do expediente de contratación da...

O pleno de Monforte aproba a licitación do expediente de contratación da reforma da Piscina Municipal da Pinguela

En sesión extraordinaria e urxente da Corporación Municipal de Monforte, celebrada este 12 de xuño, o Pleno aprobou por 10 votos a favor do Partido Socialista e 6 abstencións do resto de grupos o expediente de contratación da redacción do proxecto, dirección, execución e reforma da Piscina Municipal de A Pinguela.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O anteproxecto de renovación da Piscina municipal de Monforte presentárao o Alcalde, José Tomé Roca, o 10 de marzo, “unha obra de moita envergadura como é facer unha piscina practicamente nova, deixando solo parte da estrutura”. Unha piscina que terá unha imaxe semellante ao novo Pavillón polideportivo de A Pinguela, para manter a harmonía do entorno. “Logo da reforma”, salientou José Tomé, “os monfortinos e monfortinas contarán cunha piscina moderna, segura, eficiente, sostible e en estado óptimo de utilización”.

A renovación total da Piscina municipal contará cun investimento de 2.047.009,42 €, e contará coa colaboración do Consello Superior de Deportes que xa concedeu unha subvención ó Concello para este fin de 644.882,94€, o que representa o 31,5% do investimento; a Deputación Provincial de Lugo, que aportará, a través dun convenio co Concello, 600.000€, o que supón o 29,3%; e o Concello, que aportará 802.126,48€, o que representa o 39,2%.

Tras a sesión plenaria de onte a licitación xa está subida á Plataforma de Contratación do Sector Público, polo que o prazo para presentar ofertas, estará aberto ata o luns 8 de xullo ás 14 h. As mesas para a apertura dos sobres coa documentación administrativa será o mércores 10 de xullo e o sobre coa oferta económica será aberto o mércores 17.

En canto ós criterios de adxudicación, son os seguintes:

  • Prezo: 40 puntos
  • Redución do prazo de execución: 15 puntos
  • Ampliación do prazo de garantía: 5 puntos
  • Proposta técnica: 40 puntos.

“Coa reforma da piscina queremos crear unha nova imaxe atractiva e moderna para a Piscina municipal, e en consonancia co Pavillón polideportivo anexo, creando sinerxias entre eles para acadar un conxunto de referencia na provincia” concluíu José Tomé.

As obras comezarán a finais de setembro ou principios de outubro, e teñen que estar rematadas en setembro de 2025 “porque é o prazo que temos para xustificar as 2 subvencións, a do Consello de Superior de Deportes e a da Deputación Provincial de Lugo”.

As actuacións interiores irán destinadas a devolver a funcionalidade ás instalacións e a amplialas, para dar servizo á crecente demanda por parte dos usuarios.

A zona do vaso de piscina manterase como está actualmente,  ó atoparse, segundo os informes técnicos, en bo estado, pero realizarase unha intervención neste espazo para incorporar cunha nova zona de SPA, con sauna e jacuzzi, que completará a oferta lúdica e deportiva da piscina.

O groso da intervención de mellora céntrase nos espazos que dan servizo á propia piscina.

A entrada desprázase cara á esquina onde confluirá co Pavillón polideportivo, para crear unha zona de acceso común. Este cambio mellorará notablemente a funcionalidade da instalación ó posibilitar ter o control de acceso previo para ambas infraestruturas.

Os vestiarios centralizaranse e renovaranse, simplificando percorridos e facendo fincapé na separación entre zonas de “pés secos” e “pés húmidos”, de forma que os usuarios da piscina e os do ximnasio ou salas de actividades conflúan neste punto, pero sen mesturarse, o que derivará nunha mellora das condicións hixiénicas e sanitarias.

O ximnasio desprazarase á zona sur, ampliando a súa superficie e mellorando a súa funcionalidade.

Na planta baixa situarase a recepción e tras esta, dous vestiarios para grupos e un vestiario de persoal, ademais dun despacho para administración.

Completando o conxunto, crearase un núcleo de aseos para o público, e unha cafetería que dará servizo tanto á Piscina como ó Pavillón polideportivo, con vistas directas ós vasos, e saída directa ás bancadas reformadas.

Exteriormente, o edificio será revestido cunha “nova pel”, cun zócalo pétreo que alcanzará a altura das ventás. Esta nova fachada caracterizarase polas súas formas redondeadas, que actualizarán a imaxe do edificio en consonancia coa estética do Pavillón polideportivo que o Concello reformou en 2023. E esta nova fachada contribuirá de xeito decisivo a mellorar as condicións de aillamento térmico do edificio.

ÚLTIMAS

13.600€ na rehabilitación da Fonte de Piñeiro en Bóveda

O Goberno local solicitou unha axuda para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinada...

Unha vintena de titulacións universitarias de Galicia serán distinguidas este ao co selo de excelencia

A Xunta informou de que este ano unha vintena de titulacións universitarias de Galicia...

Éxito do Mercado de Nadal de Pantón que abrirá os mercados da comarca na primeira fin de semana de decembro

O Concello de Pantón abría o Mercado a profesionais na decoración de Nadal, nas...

1,5M€ para a segunda convocatoria das axudas destinadas á conservación paisaxística na Ribeira Sacra

As achegas están destinadas a poñer en valor o labor que desenvolven as persoas...