Na reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada este luns participaron, o Alcalde, José Tomé Roca, a Subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez e distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado: representantes da Policía Nacional en Monforte, do subsector de tráfico da Garda Civil, o representante da D.X. de Emerxencias, o representante de Protección Civil, representante dos Bombeiros, así como da Policía Local.
A xuntanza tivo por obxectivo analizar e organizar o dispositivo de seguridade con motivo das Festas Patronais da cidade, que darán comezo o domingo 11 de agosto e que se estenderán ata o venres 16 de agosto, e para as que se prevé unha gran afluencia de persoas, especialmente no momento das actuacións musicais.
José Tomé e Isabel Rodríguez avanzaron que haberá presenza permanente dos Corpos e Forzas de Seguridade para a prevención, o control e a seguridade dos veciños e veciñas, así como dos numerosos visitantes que cheguen a Monforte neses días, co obxectivo de conseguir o mellor desenvolvemento destas festas populares, destacando o magnífico resultado que esta colaboración institucional supuxo nas celebracións de pasadas edicións.
Á Policía Nacional e Local súmanse efectivos da Garda Civil na periferia da cidade, así como nos seus principais puntos de acceso, coa finalidade de levar a cabo controles de velocidade, alcoholemia e outras substancias que alteran a correcta condución de vehículos.
Na seguridade das Festas Patronais tamén colaborará unha patrulla da Policía Autonómica que centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas cunha maior afluencia.
Contarase tamén coa colaboración do Consorcio de Bombeiros para previr calquera eventualidade relacionada con algún tipo de incendio, especialmente nos días en que se botarán os Fogos artificiais de San Vicente, o xoves día 15, e os Fogos do Río, o venres día 16.
O Alcalde valorou positivamente o resultado da reunión e “sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado”. E tamén anunciou que nos vindeiros días, terá lugar a celebración dunha mesa técnica cos distintos representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, para perfilar detalles de última hora da colaboración que se estableza respecto do dispositivo a despregar durante as Festas Patronais