A encargada de abrir estas festas será un ano máis a orquestra Panorama. Dende as 23:00 deste xoves no aparcamento de autobuses a orquestra Panorama promete emocións fortes e moita diversión co seu espectáculo “IA Tour”, que inclúe 160 actuacións, 22 artistas sobre o escenario, tres horas de espectáculo e un incrible show audiovisual e musical con mellores temas da historia.
Na xornada do venres, a partir das nove da noite, os máis pequenos poderán desfrutar de Peque Disco Moc Moc na Praza Rúa Lago –está actividade está enmarcada no Programa Cultura no Camiño–. Música, bailes, circo, humor e moitas sorpresas nun espectáculo no que o DJ MeRe Clown fará gozar a nenos e maiores coa mellor música infantil, rock, hip hop ou techno.
A partir das 22:30 o compás estará a cargo do grupo de folk Treixadura, a música tradicional ao máximo nivel observada desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita. Para rematar a xornada, dende as 00:30, actuará a orquestra Combo Dominicano. Cumbia, bachata, salsa e, sobre todo, merengue adornan o seu amplo repertorio, no que non faltan versións de cancións coñecidas e de éxito en cada momento, nin tampouco outras moitas de composición propia.
O sábado, 10 de agosto, ás 11:00 abrirá as portas a XXXIII Mostra do Mel na Rúa Real. Serán 7 os apicultores que poñerán a venda o mel e produtos derivados elaborados en diversos puntos do municipio:
- Manuel Macía González, das Estradas
- Mª Carmen Macía Fernández, de Quiroga
- Ángel Gómez Martínez, de Paradapiñol
- Manuel Rodríguez Fernández, de Centeais
- Pedro Soto Losada, do Ivedo
- Caurelor, de Quiroga
- E Iván Losada Machado, de San Xulián de Abaixo
O grupo de gaitas local, O Recanto, encargarase nesta xornada de facer a alborada. As 13:00 sesión vermú con Somoza Trío na Paza Rúa Lago.
Xa pola tarde o Mago Antón presenta o seu espectáculo “Mil maxias máis” na praza España. Tres pases gratuítos no seu camión situado na Praza España, as 13:00 horas, ás 20:00 e as 21:00. Na rúa Real ás dez e media da noite, o espectáculo musical Michael Legend, un dos mellores espectáculos musicais de homenaxe á figura de Michael Jackson. Para continuar pasada a media noite, tamén na rúa Real, co concerto do grupo local revelación deste ano, Mario Colomán & The Clocks Band.
“De Vilatriste a Vilalegre”, do Centro Dramático Galego, será representada o domingo 11 de agosto ás 12:30. Esta obra combina teatro actoral e de marionetas co mundo del cómic como referencia. Con este espectáculo viaxarase ata Vilatriste, onde hai unha lagoa cuxa auga outorga superpoderes a quen a bebe. Este mesmo día tamén se realizará un espectáculo de fogos artificiais dende a Praza de España ás 22:30. Para rematar esta xornada co grupo Gin Toni´s e as súas versións do pop dos anos 80, na Rúa real dende a media noite.
A clausura destas festas será o luns día 12 co Grupo Asia dende as 22:30 na Rúa Real.
Non faltará o deporte durante estas festas na que a área de deportes leva o deporte ao parque da Constitución. Nesta semana comezaba o STREET SOCCER (fútbol na rúa) e o Street Bolei nas categorías benxamín. Moita animación para participar nesta primeira xornada deportiva que continúa esta tarde coa categoría alevín no Street Soccer e coas categorías alevín e infantil no Street Volei.
Para o xoves quedarán as semifinais e finais destas categorías e tamén a participación da categoría infantil e cadete e o venres será a categoría sénior a que ocupe a pista de xogo.
A fin de semana será para o fútbol. O sábado o Quiroga FC presenta so seu equipo para esta tempada enfrontándose ao Ferreira a partir das sete da tarde no campo do San Martiño. E o domingo será o equipo xuvenil o que presente a súa aliñación nun encontro contra o CD Rúa ás sete da tarde.
Para o desenvolvemento deste festexos, dende o grupo de goberno pídese paciencia polas dificultades que poidan ocasionar no día a día, á vez que se calcula que terán unha repercusión na economía local duns 2 millóns de €. Grazas as xestións municipais o custo dos festexos roldará os 60.000 € tras conseguir que a orquestra Combo Dominicano e o grupo Treixadura actúen sen custo para o concello.