HomeMedio ambiente e Patrimonio"O pobo sempre estará vivo se a súa memoria histórica colectiva está...

“O pobo sempre estará vivo se a súa memoria histórica colectiva está presente, e aquí estao”, afirma a pregoeira das Festas de Chantada na noite do Folión de Carros

O Concello de Chantada rematou este martes, coa Festa da Empanada as súas Festas Patronais na honra á Virxe do Carme, que comezaban o pasado 22 de agosto e que o sábado acollían un dos seus actos centrais, o Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego, tamén declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no 2018.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O desfile do Folión de Carros comezaría o sábado ás 23:00h., pero xa pola tarde se puido desfrutar dos carros que estiveron a exposición na Avenida de Ourense desde onde partiu o desfile e a onde chegaron desde o Mercado Gandeiro.

Tamén durante a tarde celebraríase a VIII Foliada Carroceira do Folión de Carros coa participación da Agrupación tradicional da Casa da Música de Chantada, a Banda de Gaitas de Chantada, o Grupo de Gaitas Os Barrios de Chantada, Dakidoasma, Searas, Os Xílgaros de Lugo e o Grupo Tradicional Abrente.

Xa pola noite diante do palco do xurado e de autoridades, a Agrupación tradicional da Casa da Música de Chantada fixo a presentación do baile da “Muiñeira do Folión de Carros” e actuou tamén a Banda de Gaitas de Chantada.

Posteriormente os 16 carros participantes nesta edición desenvolvían os seu desfile partindo da Avda. de Ourense para percorrer a rúa Mariano Cedrón e a Avda, de Monforte, ante a atenta mirada de centos de persoas, e rematar na Praza de Galicia, onde se desenvolvería o pregón das Festas Patronais de Chantada que correu por conta de M. Victoria Otero Pinar, Catedrática de Análise Matemática na USC, Vicepresidenta do Comité Español de Matemáticas, CEMat e Vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española.

M. Victoria Otero agradeceu o ofrecemento do Concello de Chantada para ser pregoeira e amosou a súa admiración por Chantada a onde lembrou vir desde pequena ás Festas. Natural de Monterroso, a pregoeira repasou a importancia das matemáticas nas nosas vidas e viaxou ata o Monte do Faro, onde con 9 anos subiu por primeira vez para contemplar as infinitas vistas. Explicou que desde aquí o matemático e xeógrafo, Domingo Fontán estivo facendo medicións para realizar, na primeira metada do XIX, a Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas.

Folión de Carros 2024, pregón / Concello de Chantada

Victoria Otero asegurou na noite do Folión, sentirse carroceira e loubou que a festa una a xente de todas as idade na transmisión das tradicións, “Estades facendo a gran historia de Chantada, mostrando labores que forman parte da nosa tradición. O pobo sempre estará vivo se a súa memoria histórica colectiva está presente e aquí estao. O 14 de marzo celébrase o Día Internacional das Matemáticas; convido a celebrar o vindeiro ano o Día das Matemáticas en Chantada e ofrézovos a miña colaboración. A miña admiración pola xente de Chantada que conserva e aproveita a tradición mirando sempre para o futuro”. Antes de coñecer os premios do Folión, o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, entregaría un agasallo á pregoeira.

Premios do Folión de Carros 2024

Os 16 carros participantes representarían diversos motivos tradicionais e todos debían de estar tirados por unha xugada de vacas ou de bois. O desfile comezou á súa hora, acompañou a climatoloxía e transcorreu de modo fluído, rápido, constante e sen incidencias.

Folión de Carros 2024 / Concello de Chantada

O xurado, integrado por unha vintena de persoas divídese no xurado do Folión, xurado de vacas e xurado de textos (que relatan os diferentes motivos dos carros), estableceu a seguinte clasificación xeral do Folión de Carros 2024:

1: O ebanista Manuel (Carro nº9).

2: Casa do ferreiro da Lucenza (Carro nº11).

3: A abella de ouro (Carro nº7).

4: Memoria da Plazuela (Carro nº12).

5: Cafetería Los Ángeles (Carro nº5).

6: Se te queres curar, polas augas de Mouriscados tes que pasar (Carro nº3).

7: A feira do 21 (Carro nº2).

8: O pan da Chispa (Carro nº15).

9: A telleira de Sobreira (Carro nº8).

10: Os queixeiros (Carro nº14).

11: Xogar e perder, pagar e calar (Carro nº13).

12: Orquesta chantadina (Carro nº16).

13: Morreu o demo, acabouse a peseta (Carro nº1)

14: Con traballo na aldea, a mesa sempre chea (Carro nº4)

15: A comunión do Molina (Carro nº6).

16: Boy’s Pub (Carro nº10).

Dentro da clasificación avalíanse tamén os carros tradicionais, nesta ocasión presentáronse dous que recibiron os seus premios:

  • 1º Premio Carro Tradicional: Xogar e perder, pagar e calar (Carro nº13).
  • 2º Premio Carro Tradicional: Orquesta chantadina (Carro nº16).

Establécense tamén distintos recoñecementos que recaeron nos seguinte carros:

  • Mellor trato animal: Memoria da Plazuela (Carro nº12).
  • Elegancia: Xogar e perder, pagar e calar. (Carro nº13).
  • Manexador/a: Cafetería Los Ángeles. (Carro nº5).
  • Mellor vaca/boi individual: Boy’s Pub (Carro nº10).
  • Mellor xugada: Os queixeiros (Carro nº14).
  • Mellor memoria explicativa: O ebanista Manuel (Carro nº9).

Pouco antes das 2 da madrugada dábase por rematada esta edición do Folión de Carros á que seguiría a actuación da orquestra Tango. No palco do xurado e de autoridades contábase coa presenza de representantes da asociación organizadora, a Asociación Amigos do Folión; do alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela e doutros membros do equipo de goberno e da corporación municipal, representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e de diferentes asociacións de Chantada e da comarca.

Folión de Carros 2024 palco / Concello de Chantada

ÚLTIMAS

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...