No caso do novo aparcadoiro do Polígono do Reboredo, o Concello destinou un orzamento de 305.250,57€, IVE engadido. Para a pavimentación de todo o entorno exterior do Mercado Gandeiro, o orzamento é de 177.787,13€, ive engadido. E a mellora do Camiño municipal da Babela, ten un orzamento de 75.467,12€.
A construción do novo aparcamento levarase a cabo na marxe esquerda da vía principal do Polígono, fronte as empresas Oviganic e Gallaecia Delicatessen, e contará cunha superficie total de 6.400 m², cun pavimento de aglomerado asfáltico en toda a calzada e de formigón semipulido na beirarrúa perimetral que o circunda.
A capacidade total do aparcamento será de 17 camións e 64 turismos. Ademais, e tal e como esixe a normativa vixente, contará con 2 prazas de aparcamento adaptadas e 4 prazas con cargadores eléctricos.
As prazas de aparcamento para turismos terán unhas dimensións de 5×2,50 metros, mentres que as de camións serán de 17×3,50 metros.
En canto á dotación de servizos, contará con:
- Zonas verdes e árbores que darán sombra ás prazas de aparcamento.
- Instalaranse 3 fontes de auga potable e 2 zonas para contedores de residuos sólidos urbanos.
- Instalación de pluviais para recoller todo a auga da choiva da zona e sumidoiros.
- Iluminación pública, con luminarias LED sobre columnas metálicas de 12 metros.
- Instalación de electricidade para alimentar os cargadores eléctricos das catro prazas mencionadas.
- Rede de telecomunicacións, para dar servizo ás 6 cámaras de videovixilancia que se instalarán nesta zona.
- Rede de abastecemento para dar servizo ás 3 fontes sinaladas.
Está previsto, para o desenvolvemento dos traballos construtivos, un prazo de 2 meses, dende o momento en que se asine a acta de comprobación de reformulo.
A construción deste novo aparcamento, subliña o Alcalde “creo que é moi necesaria para mellorar os servizos que ofrece este polígono e co que queremos paliar un déficit existente no Polígono do Reboredo, xa que o aparcamento que existe na zona onde se construirá o novo é insuficiente e tampouco reúne as condicións mínimas dunha instalación deste tipo”.
Pavimentación do Mercado Gandeiro de Monforte e mellora do camiño municipal da Babela
Outra das actuacións de mellora adxudicadas é a da obra de pavimento de todo o entorno do Mercado Gandeiro da cidade. O Alcalde xustifica esta actuación destacando que “esta é unha zona que é moi utilizada, especialmente os días de feira, polo que é necesario renovar o seu firme, e pavimentar outras zonas que actualmente non o están, a fin de dar un mellor servizo ós usuarios e os veciños de Monforte”.
Neste senso, a actuación abarcará unha superficie total 12.725 metros cadrados, nunha lonxitude total de vías de 1.200 metros, e cun ancho medio de 10,60 metros. Colocarase unha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 cm. de espesor.
“Este proxecto” subliña o Alcalde, “da continuidade o programa de actuacións que o Equipo de Goberno desenvolve no Mercado Gandeiro, pois no ano 2021, acometemos a mellora das cubertas das naves do polbo, cun investimento de máis de 70.000 €”.
A mellora do Camiño municipal da Babela comprenderá a renovación do seu pavimento sobre unha lonxitude de 1.120 metros, a base de aglomerado en quente tipo D-12 de 4 cm de espesor.