HomeMedio ambiente e PatrimonioLópez Campos entrega ao embaixador de España ante a Unesco o primeiro...

López Campos entrega ao embaixador de España ante a Unesco o primeiro expediente da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que se está ante un “longo e ilusionante traxecto” e amosou o seu convencemento de que esta candidatura, que a Xunta de Galicia puxo en marcha no 2017, acadará en 2026 a máxima protección da Unesco.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, fixo entrega, este venres en París, ao embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, do primeiro avance do expediente da candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra de cara a acadar en 2026 o recoñecemento como Patrimonio Mundial. Trátase dun trámite necesario para avanzar no futuro do territorio para obter o máximo recoñecemento da Unesco.

“Estamos a dar os pasos precisos e cumprindo cos trámites establecidos para ter este recoñecemento”, aseverou o titular de Cultura do Goberno galego, tras o encontro na capital de Francia no que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez.

A entrega desta documentación ao embaixador de España ante a Unesco, compleméntase co envío feito polos técnicos do Ministerio de cultura e engadiráselle unha nova achega en febreiro de 2025 “cos avances producidos nestes informes durante estes meses”. “Trátase dun paso fundamental co obxectivo final de que toda a documentación sexa revisada polos organismos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico de 2026”, precisou. 

No horizonte desta liña de traballo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrará a finais do vindeiro mes de outubro, na Ribeira Sacra, o congreso internacional Fontes. Neste foro participarán expertos e especialistas culturais e de bens patrimoniais de cara a seguir avanzando nesta candidatura. López Campos convidou ao embaixador a participar neste simposio, que considera que “contribuirá dun xeito exponencial á difusión da candidatura” e ao que Miquel Iceta se comprometeu a acudir.

Xuntanzas con entidades e representantes locais

López Campos tamén puxo en valor as xuntanzas levadas a cabo nos últimos tempos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cos concellos e representantes locais da Ribeira Sacra co obxectivo de “escoitar, recoller e poñer en común” todo tipo de valoracións, suxestións e inquedanzas. Ao respecto, incidiu en que foi un proceso que puxo o foco na participación para que os veciños e veciñas, así como os distintos motores económicos da zona, “coñecesen ben a situación da candidatura e puidesen transmitir os seus comentarios e inquedanzas ao redor da mesma”.

Conselleiro Cultura Iceta / Consellería de Cultura

“O obxectivo e o desexo é facer que Paisaxe da auga: Ribeira Sacra, máis alá dun carácter institucional, sexa tamén unha proposta artellada polas xentes vencelladas estreitamente ao territorio, de maneira que sexa un ben patrimonial para todos sen deixar de ser a casa de moitos”, defendeu.

O conselleiro aproveitou este encontro para lembrar a folla de ruta iniciada en 2017 con esta candidatura. Neste senso, enxalzou o feito de que o Goberno galego ten investido preto de 8 M€ na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo.

A Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. Ademais, López Campos apuntou que as contas destinadas a tarefas de conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego eleváronse nos orzamentos deste ano un 7%, “alcanzando os 10,4 millóns de euros, dos cales unha parte importante son para bens situados na Ribeira Sacra. Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido”, concluíu.

ÚLTIMAS

‘Feira de Nadal’ para dinamizar o comercio local e a artesanía en Quiroga

O Equipo de Goberno do Concello de Quiroga organiza unha Feira de Nadal coa...

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...

Primeira fin de semana do ‘Mercado de Nadal’ de Monforte

Este sábado 21 de decembro abrirá as súas portas o Mercado de Nadal do...