HomeEn profundidadeRemata a andaina do dixital 'Diario de Quiroga'

Remata a andaina do dixital ‘Diario de Quiroga’

Este martes 24 de setembro anunciaba o fin de ciclo deste medio de comunicación comarcal o seu creador, Carlos Julio González.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O xornalista Carlos Julio González, creador de Diario de Quiroga, vén de facer público a través das súas redes sociais que cesa a actividade informativa “do seu blog”, un auténtico e recoñecido medio de comunicación por moito que el, dentro da súa humildade, se resistise a consideralo como tal.

A andaina de Diario de Quiroga comezou no ano 2018, cando Carlos Julio contaba con tan só 15 anos, e dende aquela foi quen de publicar máis de 2.700 pezas informativas, superando as 860.000 páxinas vistas, con entradas ao dixital dende unha chea de países e unha notoriedade no sur de Lugo digna de admirar. Chegou a ser o medio de referencia na comarca, e así o acredita por exemplo unha anécdota persoal que nos conta o seu creador. Foi na Ponte de Barxa de Lor, na Pobra do Brollón. “Estabamos gravando alí un spot do QuiRoma, creo que no 2019, e un señor díxonos que era unha mágoa que a ponte estivese chea de maleza, e que había que avisar a Diario de Quiroga”. E engade, “era un señor que non me tiña pinta de ter acceso a internet e ademais cría que era o sitio onde enviar esa queixa”.

Xornal de Lemos pode chufar que foi quizais o primeiro medio de comunicación que se interesou polo seu labor, publicando no 2019 unha completa entrevista na que se debulla o talento precoz deste quirogués como responsable e creador de Diario de Quiroga. Esta peza foi, ademais, unha das máis lidas ese ano.

Carlos Julio na radio. Fonte: C.J.

Na súa emocionada despedida en redes sociais, Carlos Julio referíase ao nacemento do medio, “creei este blog como un pasatempo e, como digo sempre, a cousa foise de mans no bo sentido”; comentaba a experiencia e a satisfacción destes anos como redactor, “no persoal, serviume como unha aprendizaxe constante que nunca esquecerei. Se, ademais diso, os contidos foron de utilidade para alguén, doume por satisfeito“; pedía desculpas “aproveito para pedir desculpas polos erros cometidos, que seguro que non foron poucos, pero nunca con mala fe”, e remataba cun agradecemento “a todas as persoas, algunhas dende moi lonxe, que confiaron neste blog para seguir o día a día da comarca. Tamén a todos aqueles que fixeron chegar informacións, fotos, suxestións…“.

“creei este blog como un pasatempo e, como digo sempre, a cousa foise de mans no bo sentido”

FIN DE CICLO E AGRADECEMENTOS

En palabras de Carlos, no seu post de despedida, “a vida son etapas e chegou o momento de pechar esta, que foi marabillosa”. Preguntámoslle pola toma de decisión e recoñece con sinceridade que ultimamente estaba facéndoselle un pouco complicado compaxinalo con outras cousas e “prefería darlle unha morte digna que telo aí agonizando”.

“a vida son etapas e chegou o momento de pechar esta, que foi marabillosa”

“Nestas últimas semanas preguntoume bastante xente que pasaba porque estaba o xornal moi parado”, comenta tamén Carlos Julio dando xa a entender que era o momento… Non poder atendelo como lle gustaría, coa esixencia informativa do día a día, acabou de convencelo para aparcar esta aventura.

Entre as satisfaccións que tivo estes anos, Carlos quédase con ter sido o medio oficial do Quiroga Trail Challenge durante dous anos, un tema que lle fixo sempre moita ilusión xunto con levar o logotipo de DQ nos dorsais dunha das distancias. E tamén ese logo foi empregado nos pantalóns do Covirán, equipo de fútbol sala de Quiroga, e polo propio equipo de fútbol de Quiroga que o poñía tamén nos partidos.

ÚLTIMAS

O PP de Monforte esixe ao Concello de Monforte sinalizar Ribas Altas como “zona non apta para o baño”

A voceira popular, Katy Varela, explica que xa levan anos pedinso ao goberno de...

FEARS celebra asemblea e rexeita a instalación de plantas de biogás na Ribeira Sacra

Na asemblea fíxose balance do labor feito neste pasado 2024, analizando os aspectos que...

Chantada quere Sanidade denuncia a “situación de asfixia” do Hospital Comarcal de Monforte

Segundo a Plataforma, "esta sobrecarga de traballo no Hospital pon en evidencia a rixidez...

Casa da Cultura de Chantada: actividades e cambio de horario

A Casa da Cultura de Chantada varía os horarios dos distintos servizos que acolle...