As xornadas, coordinadas pola cooperativa Outonía S.Coop, levaranse a cabo na aldea de Miraz o día 19 de outubro e pretenden poñer en valor a memoria inmaterial do territorio a través da recreación do proceso de transformación da la. A iniciativa conta co financiamento da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Segundo explican dende a organización, “o encontro, que tivo moi boa acollida na súa primeira edición, pretende consolidarse como un espazo de intercambio de saberes e prácticas, vinculando a memoria das mulleres a un proceso en vías de extinción e pretendendo a súa revalorización. Ademais, as xornadas tamén contan cunha perspectiva innovador por convidar a distintos proxectos profesionais que tratan de reinventar esta praxe dende a contemporaneidade”.
As xornadas son de balde e aquelas persoas interesadas en participar teñen que inscribirse a través do número de teléfono 622834250 ou enviando un correo electrónico a info@outoniacoop.gal
O PROGRAMA DAS XORNADAS
Ao longo do día intercalaranse diferentes tipos de actividades.
Pola mañá, despois da presentación ás 10:30 h., haberá un faladoiro coas veciñas tecelás da Serra e un fiadeiro para a recreación do proceso e das técnicas empregadas no territorio, así como a mostra de diversos útiles e creacións feitas por elas. Esta sesión alongarase ata as 13:30 h. cando está prevista unha pausa para o xantar ata as 16:00 h.
Pola tarde, das 16:00 ás 20:00 h. farase un laboratorio de experimentación da man de diferentes proxectos como Miratú e Cuaderna Maestra no que se probarán técnicas como o fiado con roca e o tecido con tear de man.
Verónica Page, de Miratú, busca co seu obradoiro de procesado de la, e segundo explican dende a asociación organizadora, “o contacto coa natureza a través da la virxe de ovella e de alpaca, procesándoa ata o seu fiado na roca. Trátase de recuperar os ritmos tranquilos e de transformar coas nosas mans las de texturas ecores variados”. Pola súa banda, María José Lois, de Cuaderna Maestra, ofrece un obradoiro de de tear con teares de alto lizo. Nesta actividade realizarase un tapiz empregando técnicas tradicionais e materiais naturais.
Así mesmo, haberá espazo para unha creación colectiva a través da participación no proxecto Cartografías téxtiles.
Dende a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, organizadora deste encontro, comentan tamén que esta iniciativa “pretende á súa vez por no centro do debate o rol dos modelos de producción e consumo rurais e a necesidade de desenvolver novas formas de cooperación territorial a través de accións cunha visión cultural, ambiental e sustentable”.