HomesociedadeMúsica, solidariedade e xoguetes o 16 de decembro en Monforte

Música, solidariedade e xoguetes o 16 de decembro en Monforte

O concello de Monforte coa colaboración dos centros educativos, das ANPAS, do grupo Gin Toni´s e da Cruz Vermella organiza unha xornada benéfica con concerto e posterior reparto de agasallos entre os nenos das familias que máis o precisan

Publicado o

- Advertisement -

A Explanada da Compañía acolle o 16 de decembro unha xornada benéfica para a recollida de xoguetes na que todas as actividades serán de balde. Ás 16.30 comezarán a funcionar as atraccións para nenos, entre as 17.00 e as 18.00 haberá un animador infantil e desde as 18.00 e ata as 20.30 actuará o grupo Gin Toni´s.

Instalarase unha carpa na Explanada da Compañía por se ese día fixera mal tempo e colocaranse unhas jaimas nas que a xente poderá depositar os xoguetes. Desde o concello pretende ofrecerse unha tarde de lecer para cativos e mozos e todos os que se acheguen á cidade, “a cambio, o que pedimos desde o Concello é que a xente que queira, entregue xoguetes novos, preferiblemente, que sexan de carácter educativo, non sexistas nin bélicos, e para diferentes idades”, explica o alcalde, José Tomé.

O evento tamén pretende sensibilizar á cidadanía na existencia doutras realidades e fomentar a solidariedade. O obxectivo é que ningún neno se quede sen xoguetes nestas datas de Nadal.

José Tomé sinalou “desde o Concello de Monforte queremos recomendar a adquisición dos xoguetes nos comercios da nosa cidade porque deste xeito, tamén estamos contribuíndo a apoiar ós comerciantes da nosa localidade”.

Desde o Concello anímase á veciñanza a participar aportando xoguetes e lémbrase que o pasado 2 de novembro, durante a recollida de alimentos, Monforte demostrou ser unha cidade solidaria. “Pido que continuemos nesa senda para que nestas datas tan especiais, poñamos todos o noso grao de area para que todos os nenos teñan un sorriso e poidan gozar dun xoguete novo”, concluía o rexedor local.

ÚLTIMAS

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...

O Castro Art Village no Saviñao, dinamizando a cultura e o audiovisual desde o rural

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, vistou este xoves O...