HomeMedio ambiente e PatrimonioA Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida en Quiroga avanza...

A Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida en Quiroga avanza para ser declarada BIC

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a resolución de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) do patrimonio inmaterial a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios na Ermida, que se celebra os días 8 e 9 de setembro desde hai séculos no municipio de Quiroga.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Á hora de elaborar o expediente, que supón a súa protección patrimonial inmediata, os técnicos da Xunta de Galicia tiveron en conta que se trata dunha manifestación que ten “un valor cultural sobranceiro que mantén o respecto pola tradición e polos rituais transmitidos de xeración en xeración”.

Na incoación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén destaca o aspecto propio desta manifestación inmaterial, que fai que sexa recoñecida como “singular“ en relación ao resto das romarías de Galicia, xa que xira ao redor da representación escenográfica sobre a loita entre a fe e o mal, representado polo Meco, que leva posta unha careta de madeira con trazos demoníacos.

Nesta escenografía participan tamén as amortalladas, outro elemento propio da celebración, que seguen a figura da virxe. Ao son da gaita bailan tanto o Meco como as coñecidas como Pampórnigas, que son dúas figuras xigantes que simbolizan a un home e a unha muller. Outro momento considerado polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural como “determinante” desta “singular representación escenográfica” é cando a virxe entra na igrexa e o Meco póstrase perante ela e o pobo.

A figura do Meco coa característica vestimenta, a máscara e o pau de toxos. Foto: XMF

Ademais, nesta incoación tamén se lle recoñece o feito que se celebre desde hai séculos “sen apenas mudar co paso do tempo”. De feito, saliéntase que, malia as prohibicións da aparición de xigantes e cabezudos ditaminadas por autoridades eclesiásticas e civís no século XVIII, persistiu a celebración coas figuras do Meco e das Pampórnigas, “como formas extraordinarias nunha romaría eclesiástica, na que reciben nomes orixinais que non se repiten noutra romaría galega”.

O departamento de Cultura da Xunta valora así que a Romaxe da Nosa señora dos Remedios da Ermida é o “reflexo da apropiación identitaria” feita da manifestación inmaterial pola veciñanza da Ermida. Ademais, inclúese a todas aquelas persoas que participan na celebración, na salvagarda e na transmisión desta tradición como “pertences á comunidade portadora desta manifestación inmaterial”.

Neste senso, cómpre lembrar que as persoas que celebran a romaría nestes momentos exceden a veciñanza do ámbito parroquial e mesmo municipal de Quiroga, xa que se reúnen e participan neste ritual veciñanza dos concellos da contorna, como son Bóveda, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón ou Ribas de Sil.

ÚLTIMAS

OPINIÓN: O camarada Xesús e as trincheiras culturais

Hai case vinte anos tiven a oportunidade de coñecer a Xesús Alonso Montero, figura...

Unha fin de semana para gozar do ‘Caldo de ósos’

Onte, venres 13, inaugurábase a exposición de fotos antigas “O legado que nos une”...

O PP de Monforte reclama ao pleno unha zona de baño pública para este verán

Dende o PP de Monforte insisten na necesidade de ofrecer unha alternativa gratuíta de...

‘CARNABAR’, a nova e festeira ocorrencia do ‘Colectivo Vermut’

"Entroido en movemento" ou "Roteiro de Entroido", así se podería definir o CARNABAR, unha...