Quiroga acollerá este venres 23 de outubro a terceira parada de Camiños de Ciencia, un ciclo promovido por Observer Turismo Científico para achegar o coñecemento científico ao territorio a través do Camiño de Santiago. O encontro está programado para as 12:30 h no salón de actos da Casa da Cultura.
Nesta ocasión, o encontro leva por título “O Courel: tempo profundo” e estará centrado na xeoloxía do territorio, no Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel e nos grandes pregamentos xeolóxicos que permiten interpretar unha historia escrita nas rochas ao longo de centos de millóns de anos.
CHARLA DIVULGATIVA ABERTA Á PARTICIPACIÓN DO PÚBLICO
O protagonista será Víctor Barrientos, xeólogo da Universidade da Coruña, que conversará con Manuel Vicente, responsable do programa Efervesciencia da Radio Galega, e Maite Vence, directora de Observer. Non se trata dunha conferencia convencional nin dunha charla seguida dun podcast. A actividade consistirá nunha conversa divulgativa aberta ao público que será gravada en directo como un novo episodio de Camiños de Ciencia. As persoas asistentes poderán seguir a conversa, participar e formular preguntas durante a sesión.
Camiños de Ciencia é un proxecto de Observer, subvencionado pola Xunta de Galicia – Axencia Turismo de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo no marco do Xacobeo 2027.

