A voceira popular, Katy Varela, xustifica o voto do seu grupo en que “son unhas contas que prevén atacar os petos de todos os monfortinos sen prestar máis e mellores servizos por parte do Concello”.
Katy Varela xustifica esta afirmación en que, por exemplo, nos orzamentos non hai partida específica para levar o abastecemento de auga potable e o saneamento a aquelas zonas do municipio que carecen dos servizo, así como tampouco para solucionar os problemas de roturas e co servizo. “José Tomé non prevé dar este servizo básico aos veciños que carecen del, pero, pola contra, si que prevé aumentar a recadación por multas nun 70% (de 90.000 a 300.000€)”, denunciou.
Tamén fai fincapé a voceira popular na suba de transferencias pola participación nos tributos do Estado “circunstancia que se debe unicamente a que os monfortinos pagamos máis impostos que nunca ao Estado”, é dicir, pagamos máis no IVE, no IRPF ou polos combustibles, entre outros.
Os populares critican que o orzamento de gastos previsto “dispárase aumentando nun 7% con respecto ás contas deste ano. Aínda que pareza reiterativo, os monfortinos pagamos máis taxas, o Concello prevé aumentar o gasto, pero os servizos que recibimos e o estado do municipio non mellora”.
“Segundo a documentación que nos facilitaron, que non é toda, increméntase a débeda pública en máis dun 176% e un 52% as actuacións de carácter económico”, explicou Katy Varela, que engadiu que “veremos en que situación financeira vai a quedar o Concello de Monforte no caso de que Tomé siga por este camiño”.
“Tomé afirma que non vai a endebedar ao Concello, pero non di que hai que pagar intereses e amortizar préstamos”, sen esquecer que “seguimos pendentes de recibir a documentación relativa aos extractos bancarios de contas e créditos, de maneira que estamos pendentes de coñecer con exactitude a realidade económica do concello, que se saberá nese momento”, concluíu.