O ICTES, Instituto para a calidade turística española e a sostibilidade vén de conceder á Oficina de Turismo de Chantada a marca “Q Calidade Turística” e a “S Sostibilidade Turística”, esta última distinción concedida despois de superar a auditoría de Certificación baixo a Especificación UNE 0083:2024 Contribución das organizacións turísticas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), nos termos establecidos no Regulamento Xeral de Certificación de Servizos Turísticos.
A Oficina Municipal de Turismo Chantada presta atención ao visitante, comunicación de información turística relevante da vila, do municipio e da Ribeira Sacra candidata a Patrimonio da Humanidade.
“Fixemos todos os requisitos que se nos pedían para acceder a estas certificacións a través de procementos da xestión da calidade, de xestión de infraestruturas e de xestión do servizo”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
En outubro deste ano constituíuse o Comité de Sostibilidade da Oficina de Turismo de Chantada co obxectivo de garantir o cumprimento do sistema de xestión sostible implementado, atendendo a cuestións ambientais e sociais como aforro enerxético e enerxía non contaminante, infraestruturas resilientes, núcleos máis inclusivos, seguros e sostibles e respecto pola vida e os ecosistemas terrestres.
![](https://xornaldelemos.gal/wp-content/uploads/2024/12/turismo-1024x649.jpg)
Oficina de Turismo de Chantada / Concello de Chantada
O alcalde felicita o traballo desenvolto pola Oficina Municipal de Turismo para acadar estas certificacións e congratúlase por ser dos primeiros servizos en Galicia que conta coa “S”de Sustentabilidade Turística implantada polo ICTE no 2022. “Desde o 2020
a Oficina de Turismo está acreditada co distintivo “Compromiso de Calidad Turística”, dentro do xeodestino Ribeira Sacra. Tiñamos os deberes feitos para conseguir estas marcas que aportan un valor engadido aos nosos servizos turísticos e confirman un comportamento ético e responsable para garantir a eficiencia de actividades sen comprometer o medio e garantindo un ambiente de traballo digno e xusto”.
O informe de sostibilidade da Oficina de Turismo do Concello de Chantada pode consultarse na web de Turismo do Concello de Chantada.
A Oficina de Turismo de Chantada é atendida por dúas profesionais e unha terceira como reforzo na tempada de verán. O horario de apertura para o visitante durante os meses de inverno é de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 18:00h, de luns a venres e sábados de 10:00h a 14:00h.