HomeMovementos sociaisA aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas...

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

Coñecemos como quedou adobiado este núcleo rural do Concello de Pantón e sabemos do traballo que está a facer a asociación Segredos de Pantón e outras como a Asociación de Veciños "San Brais dan Román de Acedre".

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van a máis. E así como hai cidades que chaman moito a atención polo investimento en luminarias, tamén empeza a medrar unha tendencia do traballo colaborativo en comunidade para decorar o rural nestas festas. En Pantón hai uns anos que o fan, e aldeas como O Cotillón presumen xa de elementos decorativos complementados con luces que estarán ata pasar Reis.

Todo este traballo foi posible grazas á Asociación de Veciños “San Brais dan Román de Acedre” e á asociación cultural “Segredos de Pantón“. Falamos con Lucas Vázquez, presidente desta última entidade.

Como xurdiu a idea de decorar de Nadal o rural de Pantón?

Todo vén de que no Nadal cando falamos de ir ver decoracións ou mencionamos decoracións chulas e fermosas sempre pensamos en núcleos urbanos (Monforte de Lemos, Ourense ou Vigo). Mais nós pensamos que sería unha interesante iniciativa poder vermos as nosas aldeas cheas de fermosas decoracións e dándolles unha visión diferente. O Nadal é algo de todos e todas, non só das vilas ou cidades, ademais no rural é onde perviven os nosos costumes de Nadal.

Árbore con luces no Cotillón 2024. Foto: SdP.

Que colectivos empezastes e seguides impulsando esta iniciativa?

Todo comezou hai catro invernos na parroquia de Castillón coas veciñas da aldea de Galegos. E daquela temos que agradecer a Iria e Dani pola súa axuda para poder falar coas veciñas e organizar tódalas decoracións. A día de hoxe sabemos que en Galegos seguen a decorar a súa aldea tódolos anos polo Nadal e agrádanos que así siga.

Como organizades os traballos e con que recursos humanos e económicos contades?

Todos os anos para facermos as decoracións o primeiro é facermos unha reunión con todas as veciñas e ver como preparar todo.  Así moitas veces organizamos algún taller entre a veciñanza para facer as decoracións.

O Portal de Belén con figuras sobre madeira. Foto: SdP.

Dentro da nosa asociación moi poucas persoas involúcranse para facer as decoracións, pero é certo que tendo a Javi de Toldaos, promotor do festival “O Son da Aldea” e presidente da asociación de veciños da súa parroquia, a cousa tira para adiante. Tamén do noso colectivo destacar a Irene que coas súas mans consegue sempre debuxar todo o que lle propoño e non acostumo poñerllo nada sinxelo,  a verdade é que con estes máquinas non temos ningún problema (risas). Ademais, teño que agradecer moito a miña nai que sempre consigo que me axude, que teño moita sorte con ela a verdade. Logo, os medios económicos pois os nosos propios cartos, e estamos pendentes de que o concello nos devolva os cartos dunha subvención asignada no 2023.

Decoración na aldea do Cotillón. Foto: SdP.
Detalles decorativos na aldea do Cotillón, en Pantón. Foto: SdP.

Como está recibindo a veciñanza estas accións?

Ao comezo os veciños non o ven nada claro (risas), máis aos poucos despois de facer as decoracións e vendo como vai quedando a aldea están encantados. Para nós iso é o máis importante, velos ledos e orgullosos de como quedou a súa aldea.

Ao concello propuxésteslle colaboración nalgún momento?

A verdade é que non nos interesa, pensamos que moitas veces non é preciso que veña un estamento gubernamental para facer cousas no noso entorno. Tralas primeiras edicións vimos que o noso concello non tiña moito interese, pero son cousas que pasan. Sempre defenderemos que as veciñas ben podemos autoorganizarnos e facermos as cousas coma ben queremos… e facémolo así.

Ademais do Cotillón, que aldeas de Pantón estarán decoradas neste Nadal?

Polo que nós saibamos este ano en Galegos, Tuiriz e en Mañente seguirán a decorar os seus lugares. Ao final o importante é ir facendo as cousas paseniñamente e logo obtendo grandes resultados.

Ver a túa aldea decorada paga moito máis a pena que ir a Vigo, iso está moi visto, todo luces sen gusto pero aquí son decoracións feitas a man e con moito agarimo. O Nadal no rural e non nas vilas!

Estrela de Nadal feita con perchas de plástico no Cotillón. Foto: SdP.

ÚLTIMAS

O Colexio Escolapios de Monforte estará na fase nacional da VI Ciberliga

O equipo formado por Pau López, Xavier Velázquez, Sergio Méndez, Adrián Rodríguez e Mauro...

Aberto o prazo de reservas para as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra

As persoas interesadas en realizar estas viaxes poden adquirir os seus billetes a través...

2,6M€ para mellorar a pista do canal en Monforte e dar acceso á futura praia fluvial

O rexedor monfortino puxo en valor a importancia desta obra para a trama urbanística...

30.000€ na mellora da sinalización dos recursos turísticos de Quiroga

A maioría da inversión centrouse no cambio dos paneis explicativos colocados en puntos destacados,...