Aseguran desde En Marea que seguirán insistindo nas melloras que consideran urxentes para o Hospital de Monforte, como ter un reforzo estrutural de persoal, mellorar as dotacións e solucionar as listas de agarda das que dín seguen sen ter datos concretos por parte da Xunta. Tampouco tiveron información do número de derivacións ao HULA e insisten, desde En Marea, en coñecer o plan de mellora que a Xunta afirmou ter para o Hospital e do que aínda non se sabe nada.
Agardan que o Sergas solucione a situación de saturación da Atención pediátrica na comarca e pedirán un reforzo da fisioterapia no distrito sanitario do Sur de Lugo, ante a longa lista de agarda para este servizo, que consideran esencial para unha poboación envellecida.
Interésanse, asemade, pola amortización dunha praza de telefonista, que segundo En Marea, evidencia a tendencia a privatizar servizos e aumentar a dependencia de Lugo. Destacan a importancia de manter servizos de xestión directa no Hospital, como lavandeiría e cociña; frente a aposta do PP por modelos centralizados de contratación e aumento das privatizacións, segundo apunta En Marea.
Dende En Marea aseguran que seguirán a acompañar o tecido asociativo, cidadanía en xeral e persoal do Hospital que defenden a Sanidade pública e o mantemento do Hospital. Afirman que se o Hospital non perdeu máis servizos foi pola presión social e poñen ao servizo desta mobilización os seus recursos.