HomesociedadeAberto o prazo de reservas para as rutas en catamarán pola Ribeira...

Aberto o prazo de reservas para as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra

A Deputación de Lugo vén de abrir o prazo para reservar praza nas rutas fluviais pola Ribeira Sacra. A tempada 2025 comezará o próximo 22 de marzo e prolongarase ata finais de ano.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As persoas interesadas en realizar estas viaxes poden adquirir os seus billetes a través da páxina web reservas.rutasembalses.es, onde terán acceso en tempo real a toda a información sobre horarios, tarifas e dispoñibilidade das rutas. A plataforma permite tamén modificar reservas e consultar detalles adicionais de forma sinxela e rápida, estando dispoñible as 24 horas do día. Non se aceptan reservas por teléfono nin por correo electrónico.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou o éxito destas rutas, que ofrecen como todos as tempadas percorridos polo Canón do Sil e o Cabo do Mundo. “Mantemos estas dúas rutas, das que no ano 2024 desfrutaron máis de 61.000 persoas, o que reafirma o éxito do servizo e o impacto económico positivo que ten para a provincia”, subliñou a Deputada.

O portal habilitado pola Deputación ofrece tamén a posibilidade de modificar as reservas, consultar a normativa e recibir información actualizada sobre a viaxe. Ademais, os usuarios e usuarias poderán acceder ás tarifas especiais para colectivos como xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas. Os nenos e nenas de até 3 anos viaxan de balde.

Ademais do portal web, a Deputación tamén presta atención a través do teléfono 982 260 196 e o correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org, en horario de 9:00 a 14:30 horas. A partir do 17 de marzo, ampliarase o horario de atención de 9:00 a 20:00 horas.

Rutas e horarios

Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de 2 horas.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín.   

Na Ruta Canón do Sil en marzo haberá rutas as fins de semana do 22 e 23; e do 29 e 30, en horario de mañá de 11:30 horas e 16:00 horas.

En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do luns 14 ao domingo 16, operando nas dúas rutas do Mencía, en horario de 11:30 horas e 17:00 horas; e o Canón 11:00 horas a 16:30 horas. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canón do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana.

En maio, a ruta estará dispoñible de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e 16:30 de luns a venres as fins de semana; e a ponte do 1 de maio pola festividade do Traballo, as saídas serán ás 11:30 e 17:00 para Mencía, e ás 11:00 e 16:30 para o Canón do Sil.

Durante o mes de xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana.

No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e ata setembro o servizo funcionará durante toda a semana. No mes de outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e os días 8, 9 e 10, cun horario de 11:30 e 16:30 horas.

En novembro, as saídas serán as fins de semana, cun horario de 11:30 e 16:00 horas. Finalmente, no mes de decembro, as saídas realizaranse do 1 ao 8, cun horario de 11:30 e 16:00 horas.

ÚLTIMAS

Está a arder Roxe de Sebes?

Em Soldom contarom-nos que naquela altura houvo quem pensou que César que podia ser...

Deteñen en Bóveda unha persoa requirida por un xulgado de Huesca

A Garda Civil detivo a unha persoa na localidade lucense de Bóveda tras non...

A Pobra do Brollón celebrará As Cores do Outono o 27 de setembro

O Concello da Pobra do Brollón vén de presentar o cartel da XI edición...

O lume non dá tregua no Concello de Quiroga

O incendio que saltou de Larouco a Quiroga o pasado 15 de agosto está...