A cita nace co obxectivo, tal como explica o alcalde, Héctor Corujo, de reivindicar este produto e de ser un atractivo turístico-gastronómico tanto na Comarca como a nivel galego.
O xantar celebrouse no Hotel Hermida Rural, en Eirexalba, e arrancou co pregón da escritora da localidade, Marica Campo, elixida para esta primeira cita por ser “un referente cultural desde o medio rural galego”.
Antes da comida houbo unha cata da DO Ribeira Sacra a cargo de Adegas Guímaro e da adega Terra Brava, a única bodega da localidade. Ademais do cocido a base de porco celta, o menú estivo composto por sobremesa e queimada.
Pregón
A escritora Marica Campo fixo no seu pregón unha comparativa entre a ‘Odisea’ de Ulises e o porco celta ao indicar que este “é o noso heroe, o noso Ulises, e hoxe celebramos o seu regreso, un regreso cheo de traballos e peripecias que fixeron e fan posible persoas que se atreven a navegar, temoeiros desas embarcacións de diversos tamaños que son as explotacións gandeiras. Homes e mulleres que non teñen medo a soñar porque saben ben que os soños, se non se perde o rumbo, son o vento que move os veleiros para sucar os mares”.
Campo sinalou que o labor de recuperación de especies autóctonas “é un exercicio nobre e merece a nosa gratitude e apoio”.
“Como Ulises, o porco celta tamén foi á guerra e estivo a piques de ser vencido nesa loita da economía contra a ecoloxía. A loita pola produtividade inherente ao crecemento rápido, a mudanza á gandaría intensiva, a desaparición do pastoreo ligado a esta raza e desaparecido a causa do despoboamento do rural…, verdadeiras rochas que atrancaron o camiño. Así foi como razas foráneas foron substituíndo a única autóctona galega, a celta.
Dese xeito estivo a piques de desaparecer unha verdadeira xoia da gastronomía, un produto de grande valor nutritivo. Un agasallo para o padal”, precisou.
“Sen perder á vista á tradición, engadiu, manexar este binomio, tradición e modernidade, como se nos ensina aquí hoxe, na celebración do cocido ‘gourmet’, é garantía de progreso e de futuro”.
Tamén tivo palabras de agradecemento para Breogán Pereiro e Pedro Rodríguez, das adegas Terra Brava e Guímaro, encargados da cata, “polo amor que poñen no seu nobre oficio”.
Por último, quixo ter un recordo “para os homes e mulleres que, ao longo da historia, nos pasaron co tempo o porco celta e, moi nomeadamente para as mulleres, que o cociñaron. Uns e outras que poucas veces chegaban a catar as delicias dos xamóns porque os tiñan que vender para subsistir. Loados e loadas sexan.
Non esquezamos, tampouco, ao cociñeiro de Cinza e Lume e as demais persoas que están a traballar hoxe aquí para que todo saia ben e teñamos unha xornada inesquecible”.
“Saúde e paz e un longo percorrido para o cocido gourmet celta”, concluíu.
Unha cita con continuidade
O alcalde do Incio, Héctor Corujo, afirma que con esta cita se pretende revalorizar o porco celta, que conta no municipio coa maior explotación deste tipo de animais, ao tempo que se busca que sexa un acontecemento turístico e gastronómico que teña continuidade e cada ano gane adeptos.
O Concello do Incio agradeceu a colaboración nesta primeira edición do Cocido Gourmet Porco Celta das empresas locais que se sumaron á iniciativa, como Cárnicas Teijeiro, Mel Casa Benito ou a Panadería Romo, así como de Asoporcel, Adegas Guímaro e a Xunta de Galicia.

Cocido Incio / Concello do Incio