Homesociedade‘1ª Feira de FP’, atractiva proposta do IES Daviña Rey de Monforte

‘1ª Feira de FP’, atractiva proposta do IES Daviña Rey de Monforte

Estase a realizar do 18 ao 20 de marzo e ten como obxectivo dar a coñecer dun xeito máis ameno os Ciclos Formativos a futuros alumnos e alumnas.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O centro formativo IES Daviña Rey está a realizar este mes, concretamente ata o día 20 de marzo, unha campaña de reserva e admisión para alumnado que o vindeiro curso queira matricularse na ESO ou en BAC. Ademais, os días 18,19 e 20 impulsa unha feira para dar a coñecer os Ciclos Formativos de FP que ofrece. Neste caso, os diferentes departamentos amosan, directamente ou a través de obradoiros, o material do que dispoñen e tamén o resultado dos seus traballos.

Segundo nos comenta a directora, Raquel Aira, “outros anos organizabamos xornadas pero vimos que este modelo é máis atractivo”, e engade “a finalidade desta feira é que os rapaces poidan manipular material que hai en cada ciclo e que coñezan tamén o resultado dos traballos realizados polo alumnado”. De feito, os propios alumnos e alumnas fan de guías dos visitantes para darlles a coñecer os ciclos e os resultados acadados durante o curso. “Están moi orgullosos de ensinarlles o que fan”, comenta finalmente a directora.

Para dar a coñecer esta 1ª Feira de FP do IES Daviña Rey, o propio centro envioulles información do encontro de portas abertas informativo e práctico a colexios de Monforte e doutros concellos da contorna como A Pobra do Brollón, Bóveda, O Saviñao, Sober e Quiroga. Con esta invitación espérase a visita de alumnado de 6º de Primaria e de 4º de ESO.

Un grupo de rapaces e rapazas nunha das actividades. Foto: IES Daviña Rey.
COMO SE DAN A COÑECER OS CICLOS?

Raquel Aira, a directora, convida a coñecer o centro e as súas opcións de FP e aproveita para explicarnos brevemente o que atopan as rapazas e rapaces que se achegan estes días ao IES Daviña Rey entre as 10:00 e as 13:00 h.

Nos ciclos de Automoción (Mantemento e Electromecánica de vehículos), por exemplo, poderán verse 2 coches de competición de Rally e tamén a moto do piloto Eduardo Iglesias que correu o último rally Dakar. Nalgún momento estivo tamén o propio Iglesias para falar coa rapazada. Así mesmo, tamén  se poden coñecer dispositivos de diagnose electrónica.

Moto de Eduardo Iglesias e coche de Rally. Foto: IES Daviña Rey.

No espazo do ciclo de Coidados auxiliares de enfermería os e as visitantes poden ver unha exposición de maquetas relacionadas co corpo humano, coñecer e manipular instrumental sanitario e participar nun obradoiro de primeiros auxilios e noutro de saúde bucodental.

Polo que respecta á Atención a persoas en situación de dependencia e Educación Infantil exponse información sobre sistemas alternativos e aumentativos de comunicación como o bliss ou o braille; tarefas de costura básicas; elaboración de sobremesas saudables; axudas técnicas para a mobilidade persoal, para o manexo de produtos e para o coidado persoal de persoas dependentes, documentación do proceso educativo en educación infantil a través de imaxes e recollida de expresións orais, a creación de materiais didácticos con elementos da natureza e de refugallo, creación de materiais sensoriais para bebés con recursos da vida cotiá, ou manipulación de materiais pedagóxicos específicos, como o Montessori ou o Waldorf.

Electricidade e electrónica. Nese ciclo hai exposicións e demostracións de impresoras 3D, da cortadora láser que empregan no centro e de drons que se usan en telecomunicacións.

Drons que empregan no IES Daviña Rey. Foto cedida polo propio centro.

Nos ciclos de Telecomunicacións e Ciberseguridade aqueles que se achegan ao IES Daviña Rey poden coñecer un “Reloxo de viño” e participar, entre outras opcións ofertadas, nun obradoiro de programación mediante bloques e outro de “Hackeo” dun sistema de produción dunha fábrica.

VISITA INSTITUCIONAL

Esta mañá a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, acudiu á feira en representación do Alcalde de Monforte. Estivo acompañada do Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; e visitaron os distintos stands que forman parte da mostra xunto á Directora do Centro, Raquel Aira, profesores e alumnos do IES Daviña Rey.

Gloria Prada falando coa directora do IES Daviña Rey, Raquel Aira. Foto: Concello de Monforte.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...