O Concello de Monforte convoca o XX Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais 2025, co fin de escoller o cartel anunciador para o presente ano. As persoas interesadas en concursar neste certame terán que facelo con obras de creación propia, orixinais e inéditas. A técnica e o formato será libre sempre que sexa apta para a reprodución mediante cuatricromía.
Os deseños deberán incluír o texto “MONFORTE DE LEMOS FESTAS PATRONAIS do 11 ó 16 de agosto 2025”, distribuído do xeito que escolla o autor ou a autora. Por primeira vez, nesta convocatoria, non poderán participar os gañadores dos dous últimos anos do concurso de deseño de carteis das Festas Patronais, coa intención de non reincidir nos deseños, podendo facelo en edicións próximas.
As obras non levarán o nome do autor ou autora de maneira visible e presentaranse nun sobre asinado con pseudónimo, debendo acompañar noutro sobre pechado todos os datos persoais do autor: nome, enderezo postal completo, teléfono e enderezo de correo electrónico.
Establécese un único premio que será o cartel anunciador e a portada do programa das Festas 2025 e dótase cunha cantidade de 1.000 euros, impostos incluídos.
O cartel que reciba o premio quedará en poder do Concello de Monforte de Lemos. A propiedade intelectual do traballo gañador, corresponderá ó autor ou autora, non obstante a concesión do premio levará consigo sobre o traballo gañador a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, os informáticos, os multimedia e os telemáticos.
O cartel gañador e unha selección dos mellores traballos presentados, selección realizada polo xurado, quedarán temporalmente en poder da Delegación Municipal de Cultura para realizar unha exposición na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Unha vez rematada a exposición, serán devoltos aqueles que sexan solicitados polos seus autores. Os autores responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas.
O Xurado do concurso estará composto pola Delegada-Concelleira de Cultura ou persoa á que designe; persoas de diferentes ámbitos sociais, educativos e culturais de Monforte de Lemos e como secretario, o técnico de cultura do Concello de Monforte, con voz e sen voto, que certificará o cumprimento das condicións establecidas nas bases do concurso. A decisión do xurado farase pública o luns 12 de maio de 2025.
Criterios de selección e puntuacións máximas
- Temática e relación coa cidade de Monforte e as súas festas: 30 puntos.
- Mellor deseño gráfico: 30 puntos.
- Tratamento das cores e tipo de letras: 20 puntos.
- Diferentes usos do texto e das imaxes: 20 puntos.
- Calidade técnica: 20 puntos.
- Calidade artística: 20 puntos.
- Impacto visual: 20 puntos.
- Creatividade: 20 puntos.
- Orixinalidade no deseño da montaxe: 20 puntos.
A participación no Concurso implica a total aceptación das presentes bases. A súa interpretación corresponde exclusivamente ó Xurado, o cal poderá deixar deserto o premio establecido. En caso de empate decidirá o voto de calidade do Presidente do Xurado.
“Dende o Concello animamos a todos os artistas a participar nesta convocatoria, para que nos axuden a acadar un bo cartel para as nosas Festas Patronais, que anime a todo o mundo a achegarse no mes de agosto a disfrutar delas, ensalzando así un evento que é moi importante para a nosa sociedade e para os nosos sectores económicos”, concluíu José Tomé.