HomePolíticaO BNG reclama do Goberno a reparación integral e inmediata da N-120

O BNG reclama do Goberno a reparación integral e inmediata da N-120

O Bloque Nacionalista Galego reclama Goberno do Estado a execución inmediata e integral das obras de reparación da estrada N-120 ao seu paso polos concellos galegos, con especial atención ao tramo entre Quiroga e Pantón, onde se concentran os tramos de maior perigosidade, como os da Labrada e de Pantón.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Nun acto celebrado este luns pola mañá en Quiroga, no que participaron o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda, o segundo tenente de alcalde de Quiroga, Xosé Manuel Fernández, e o deputado no Parlamento galego, Iago Suárez, o voceiro da formación en Monforte, Emilio Sánchez e a responsábel comarcal, Rosana Prieto, a organización nacionalista insiste na necesidade de acometer o arranxo do firme e o desdobre da vía alí onde fora posible.

Deste modo o BNG visibiliza a situación de abandono da N-120, “Falamos dunha infraestrutura fundamental para a comunicación e o desenvolvemento económico do Sur de Lugo, especialmente tras a continua perda de servizos ferroviarios que vimos sufrindo nos últimos anos” denuncia Néstor Rego ante os medios.

Un dos principais focos de preocupación sinalados polos representantes do BNG foi o tramo entre Quiroga e Pantón, en que destacan puntos especialmente perigosos, como os coñecidos tramos da Labrada e de Pantón. “Son zonas onde o estado do firme, as curvas pronunciadas e a falta de medidas de seguridade aumentan o risco de accidentes graves” alerta Néstor Rego.

A formación nacionalista incidiu en que non é suficiente cun simple parcheo ou con actuacións superficiais e parciais. “É necesario un investimento serio e unha planificación que resolva dunha vez por todas as graves deficiencias desta estrada. Reclamamos a reparación integral do firme en todo o tramo galego da N-120, e o desdobre da vía alí onde sexa técnica e territorialmente viábel”, demanda Rego.

O desdobre, apunta o deputado do BNG. permitiría mellorar a capacidade da estrada, reducir a sinistralidade e adaptar a infraestrutura ás necesidades actuais de tráfico. “Levamos anos sufrindo o deterioro progresivo da N-120 mentres vemos como noutras zonas do Estado si se executan investimentos importantes. Galicia merece un trato digno tamén nas súas infraestruturas” denuncia o deputado nacionalista.

O BNG lembra que o Ministerio de Transportes anunciou que as obras de reparación da N-120 comezarían en maio de 2025. Non obstante, a formación advirte de que este tipo de anuncios xa foron realizados en anteriores ocasións sen que se concretasen en actuacións reais e efectivas.

BNG N-120 / BNG congreso

Así, a organización nacionalista esixe ao Goberno que priorice de maneira real a modernización desta infraestrutura vital para o territorio e que non se limite a accións parciais que non resolven o problema de fondo.

A perda de frecuencias ferroviarias agrava a dependencia da N-120

O BNG pon de manifesto que a importancia da N-120 se viu aínda máis incrementada pola perda progresiva de servizos ferroviarios na zona nos últimos anos, unha situación que agrava a dependencia da estrada para a mobilidade das persoas e o transporte de bens. “A desaparición de frecuencias de tren deixounos aínda máis illados, polo que é fundamental garantir unha rede viaria moderna, segura e adaptada ás necesidades reais da poboación” afirma Rego.

“Seguiremos defendendo o Sur de Lugo, exixindo investimentos e denunciando o abandono que vimos sufrindo desde hai décadas. Non imos permitir que se siga discriminando o noso territorio” conclúe Néstor Rego.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...