A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) comunicou que recibiu da xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente unha resolución pola que se impón 6.000 euros de multa e 661,36 de indemnización polo incumprimento das condicións da autorización de 2 de xullo de 2021, para o proxecto de actuacións ambientais e recuperación da conectividade longitudinal do río Cabe na Pinguela, en Monforte de Lemos, que provocaron a mortalidade de 40 troitas. Segundo trasladou a Confederación, os feitos producíronse durante a segunda quincena de agosto de 2022, cando se rexistraron temperaturas superiores aos 40 º.
Así, a entidade explicou que o proxecto incluía demoler a presa da Pinguela, para o que foi necesario desviar e canalizar o caudal do río Cabe, mediante tubos de gran tamaño. Nunha nota de prensa, a Confederación detallou que un axente ambiental da Xunta estivo presente e supervisou e aprobou as actuacións que incluían un caudal de refresco desde a represa no río, prevista para desviar o caudal polas canalizacións, tratando de evitar problemas na fauna piscícola. “Durante os traballos apareceron peixes mortos e avisouse inmediatamente á Xunta para poder tomar as medidas necesarias e evacuar á totalidade dos exemplares que permanecían nas charcas”, manifestou o presidente da Confederación, José Antonio Quiroga.
Agora, denunciou que a Xunta lles impón unha sanción de 6.000 euros de multa e 661 euros de indemnización por incumprimento da autorización para as obras do proxecto, “sen indicar a causa do incumprimento, baseada na aparición de peixes mortos, sen ter en conta as medidas adoptadas, nin as temperaturas extremas deses días”. “A denuncia alude á mortalidade de 40 troitas aproximadamente, sen especificar se foi provocado pola turbidez das augas, a falta de osíxeno, etc., por iso solicitouse aclaración a través dunha proba testifical, que a Xunta denegou”, asegurou Quiroga.
Ademais, o presidente da Confederación destacou que os traballos para a retirada dos peixes levaron a cabo baixo a supervisión dos axentes ambientais e a dirección facultativa das obras. “Desde a CHMS e co interese de actuar de acordo cos informes dispoñibles, interporase o correspondente Recurso Contencioso Administrativo, que esperamos se resolva de forma favorable para este Organismo”, concluíu Quiroga.