A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar a adxudicación do contrato de patrocinio con La Vuelta a España 2025, co que a institución provincial reforzará con 100.000 € o desenvolvemento da etapa 15 que terá ás comarcas da Montaña e da Ribeira Sacra como protagonistas.
A etapa cun perfil de media montaña, contará cun percorrido total de 167 quilómetros e pasará por destacados puntos de montaña nos concellos da Fonsagrada, Castroverde, Láncara e Sarria, ata chegar a meta que terá como sede o Concello de Monforte de Lemos, na capitalidade da Ribeira Sacra.
A colaboración formalizarase coa empresa organizadora, Unipublic, estimando dende o entorno desta compañía que o retorno económico deste patrocinio para a provincia é de máis de 3 millóns de euros, “o que significa que cada euro que inviste a Deputación xerará 36,47 €” refiren dende a institución provincial. O cálculo basease na presenza en medios impresos, televisións nacionais e internacionais, sitios webs e redes sociais.
“La Vuelta é unha plataforma de proxección mundial difícil de alcanzar por outros medios. Falamos dun evento na elite do ciclismo mundial, á altura do Giro de Italia e o Tour de Francia, e que é seguido por máis de 17 millóns de espectadores en máis de 190 países”, comentou a voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, xustificando a estratexia da Deputación de Lugo de impulsar o desenvolvemento social, económico e turístico da provincia.
García Porto engadía tamén que, alén do impacto turístico e económico a medio prazo, a organización dun evento desta envergadura mobiliza unhas 3.000 persoas, e xera 600 empregos directos e 2.000 indirectos “o que contribúe directamente a incrementar a actividade na hostalaría, o turismo e o comercio local”.