Na asemblea fíxose balance do labor feito neste pasado 2024, analizando os aspectos que deben ser mellorados na Ribeira Sacra, con propostas para a poboación local e as súas necesidades e carencias; e para o territorio identificando as ameazas, como a perda do Patrimonio Natural e Cultural.
Manifestan unanimidade das diferentes asociaciós sobre a visión cada vez máis crítica coa candidatura a Patrimonio Mundial, “feita de costas aos habitantes do territorio e sen un acompañamento no desenvolvemento de infraestruturas e servizos públicos.
Queremos que as asociacións e o tecido social poidan ser partícipe dun proceso que vai modificar radicalmente o noso territorio e xeito de vida”.
Aprobáronse as contas do exercicio 2024, ficando as contas da FEARS completamente saneadas, e aprobouse o nomeamento da nova xunta directiva, ampliada ata os 10 membros e con 5 novas incorporaciós. Compóñena, deste xeito, 6 mulleres e 4 homes que, por súa vez, representan a 7 asociaciós de Lugo e 4 de Ourense. A asemblea tamén marcou as liñas de traballo para 2025-2026.
Finalmente, houbo tempo para tratar “ameazas inminentes” como os parques eólicos Agratina e Agromaces en Chantada e Carballedo ou a planta de biogás en Viaesteva, no Saviñao.
A este respecto aseguran facer seus os argumentos da AV Saviñao e a inquedanza da veciñanza. Refírense aos problemas que esta instalación lle vai causar á poboación, “polo que cómpre que o goberno municipal rexeite á implantación desta ameaza ao noso territorio”. Aseguran que se debe ter en conta que a instalación estaría próxima a un territorio densamente poboado, que comprende distintos lugares das parroquias de Vilaesteva, Segán, San Vitorio e Chave, e que a 1,6 quilómetros está Currelos, o segundo núcleo de poboación do concello, onde hai centro de saúde e colexio.

Asemblea FEARS / FEARS
Os residuos resultantes verteríanse a un cauce fluvial, o que conlevaría a súa contaminación e a das augas soterradas que afloran nas fontes e manantiais. “Os residuos irían ao rego de Sanxumil, e deste ao Riazón, afluente do Sardiñeira, que, á parte de ser a principal fonte de auga potable de Escairón. Este tipo de instalación contaminantes e molestas limitan ou mesmo impiden moitas iniciativas produtivas, como o turismo rural e cultural, a apicultura, e distintos tipos de cultivos”, insisten.
Segundo FEARS este tipo de industrias contradí os principios e valores dos fondos Next Generation, “especialmente no que se refire á cohesión social e territorial, cunha actividade imposta. A planta de biogás afectaría á vida cotiá da veciñanza e condicionaría o futuro da poboación do Saviñao sendo incompatible coa nominación a Patrimonio da Humanidade, que esixe preservar a paisaxe, o medio ambiente e o patrimonio”.