HomesociedadeO 19 de xullo comeza o servizo de lanzadeiras na Ribeira Sacra...

O 19 de xullo comeza o servizo de lanzadeiras na Ribeira Sacra cunha nova ruta desde Chantada

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra activa un ano máis os servizos de lanzadeira gratuítos para a tempada alta, como ferramenta de fomento da mobilidade sostible e co fin de reducir a presión turística nas zonas máis visitadas do territorio. Este verán incorpórase unha nova liña que conectará Chantada co embarcadoiro de Belesar e a Praia da Cova.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O servizo de lanzadeiras que pon en marcha o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra terá así catro rutas activas entre a segunda quincena de xullo e finais do mes de agosto:

  • Escairón (O Saviñao) – Arxeriz – Praia da Cova (en funcionamento dende 2022)
  • Monforte de Lemos – Doade (Sober) – Embarcadoiro de Ponte do Sil
  • Castro Caldelas – Abeleda pobo (A Teixeira) – Embarcadoiro de Castro Caldelas
  • Chantada – Embarcadoiro de Belesar (Chantada) – Praia da Cova (O Saviñao) (nova liña)

Ao igual que en anos anteriores, as frecuencias das lanzadeiras que conectan cos embarcadoiros están concibidas para dar cobertura ás compañías operadoras de rutas fluviais nos ríos Sil e Miño, que ofertan ata 1.095 prazas diarias, en lugares con escasa capacidade de estacionamento e con problemas recorrentes de conxestión na tempada alta.

A Praia da Cova, outro dos espazos fluviais máis concorridos do verán en Ribeira Sacra, contará novamente co traslado dende a capitalidade do Saviñao (Escairón), e verá reforzado o seu acceso coa nova lanzadeira dende Chantada.

Os servizos estarán en funcionamento entre o 19 de xullo e o 31 de agosto, mantendo a súa gratuidade. As reservas de praza atópanse xa habilitadas dende na web do Consorcio de Turismo

Ata o de agora, e desde a primeira das probas piloto en 2021, estes servizos financiábanse con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra. Unha vez finalizado ese plan o pasado mes de xuño, o Consorcio de Turismo levou a cabo distintas xestións coa Xunta de Galicia e será un convenio coa Axencia de Turismo de Galicia o que nos permita darlle continuidade este verán nas semanas de maior afluencia.

Pola súa banda, o Concello de Parada de Sil mantén en funcionamento dende o 1 de xullo, e ata o 14 de setembro, o servizo de lanzadeira obrigatorio ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. O custe nese caso é de 3€, incluíndo a entrada ao monumento.

ÚLTIMAS

CV Ciudad de A Coruña gaña o Campionato Galego de Volei Feminino Cadete que se celebrou en Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto co Concelleiro de Deportes, José Manuel...

Do 21 de abril ao 20 de maio pódese solicitar a inscrición en Artelemos 2026

As artesás e artesáns interesados en participar deberán presentar o modelo normalizado de solicitude...

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...