O presidente de Asomega, Julio Ancochea, defendeu, na súa intervención, unha medicina “con raíces que, sen renunciar á innovación nin á tecnoloxía, non esquece que o primeiro diagnóstico faise cos ollos e o mellor tratamento, coa palabra”. Referiríase tamén ao valor da contorna rural como espazo de saúde integral, cultura e comunidade, destacando que “vivir máis non é só cuestión de anos, é, principalmente, unha cuestión de como se vive. E en que lugar, e con que vínculos”.
O primeiro dos actos do Encontro foi a mesa redonda “Lonxevidade e ruralidade”, moderada por Inmaculada Ramos, directora do Distrito Sanitario de Monforte de Lemos. Contou coa participación de Ramón Ares (xerente da área sanitaria de Lugo), Cristina Margusino (vicepresidenta de Ourensividad), Pilar Rodríguez Ledo (presidenta de SEMG), Albert Foo (presidente de SEMG Galicia) e José López Castro (Hospital de Monforte). Os relatores compartiron reflexións e datos que convidan a repensar o papel da contorna rural na promoción dunha lonxevidade activa e saudable.
Por exemplo, Ramón Ares expuxo a maneira na que desde a súa área sanitaria abórdase a xestión da lonxevidade e explicou a experiencia piloto do Comité de Atención Integrada para Paciente Crítico, no que o médico de Familia, os especialistas hospitalarios e as xestoras do caso deciden a traxectoria asistencial do paciente. A continuación, interveu Cristina Margusino, gañadora da I Bolsa de Medicina Rural de Asomega e SEMG e vicepresidenta de Ourensividade, entidade formada por médicos, enfermeiras, nutricionistas, farmacéuticos e asociacións de pacientes que fomenta hábitos de vida saudables e investiga sobre o fundamento científico da lonxevidade. Un estudo que presentaron recentemente ao respecto sinala como características clave desde o punto de vista psicosocial:
- sociabilidade e goce da compañía
- estilo de vida activo e saudable
- redes familiares e sociais sólidas
- balance vital positivo
- adaptación e resiliencia
Pilar Rodríguez Ledo expuxo o traballo desenvolvido en relación co Rexistro Nacional de Centenarios (RENACE), que no seu proxecto piloto de 2011 xa lanzou conclusións clarificadoras respecto as especiais condicións dos centenarios, asentadas na boa alimentación (en calidade e cantidade adecuada), actividade física integrada na vida diaria, control do estrés, rede social e existencia dun obxectivo vital. O estudo RENACE busca dar resposta a unha cuestión esencial: que fai que algunhas persoas, especialmente en zonas rurais, cheguen aos 100 anos en condicións funcionais dignas? A hipótese é que a poboación centenaria presenta fenotipos clínicos específicos, biomarcadores propios e polimorfismos xenéticos característicos que permiten unha lonxevidade extrema e saudable, libre de discapacidade. “Galicia pode posicionarse como referente en lonxevidade non só polas súas cifras, senón polo seu modelo cultural, comunitario e clínico. Asomega é o altofalante ideal para iso” apostilou Rodríguez Ledo.

Asomega encontro de verán 2025 / Asomega
Pola súa banda, Albert Foo presentou os primeiros resultados da enquisa de ámbito nacional sobre Medicina Rural realizada por SEMG nos últimos meses. Os resultados indican que se trata dunha “profesión rural envellecida, pero con arraigamento”, xa que case un terzo dos médicos rurais ten máis de 20 anos de experiencia. A pesar dos desafíos, o 93,6% identifícase como médico rural e o 78,7% está satisfeito co seu labor. A mesa pechouna o responsable de Medicina Interna do Hospital de Monforte, José López Castro, que abordou a función asistencial, docente, investigadora e administrativa do internista no hospital comarcal e como se incardina a súa función no conxunto do tratamento aos maiores na súa zona.
IV Bolsa de Medicina Rural
O proxecto gañador, “Plan de Actuación Integral Saúde Natural do Macizo Central”, impulsado por Sonia Isela Trejos e Carlos Moral, propón unha intervención comunitaria baseada na colaboración interxeracional, o uso de recursos tradicionais, a promoción do exercicio adaptado e a implicación de distintos axentes locais. Unha proposta de Manzaneda e Chandrexa de Queixa que converte o desafío demográfico nunha oportunidade para construír benestar colectivo. Tamén foi recoñecido cun accésit o proxecto presentado por Alicia Falagán e María Lozano desde os centros de saúde da Rúa e Vilamartín, centrado na prevención da fraxilidade en persoas maiores mediante unha intervención comunitaria e integrada coa contorna. Ambas as iniciativas foron valoradas como exemplos dunha medicina “próxima, innovadora e profundamente arraigada nas persoas e o seu territorio”, en palabras do presidente de Asomega, Julio Ancochea