HomesociedadeChantada estreáse como Municipio Starlight cunha xornada nocturna no Faro

Chantada estreáse como Municipio Starlight cunha xornada nocturna no Faro

O astrofísico que guiará a actividade, Borja Tosar, asegura que “ninguén que veña a unha observación deste tipo queda indiferente, se o ceo non está nubrado veremos moitas cousas que acontecen mirando para arriba”.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Chantada a través da Oficina Municipal de Turismo organiza unha xornada sobre astronomía para este luns, 11 de agosto, desde as 20:30h.

Aproveitando as boas condicións de visibilidade do ceo nocturno que ofrece Chantada, que recentemente se recoñecía como Municipio Starlight, tráese ao astrofísico Borja Tosar. Tosar é Máster en Astronomía e Astrofísica e tamén Máster en Comunicación Científica pola Universidade Internacional de Valencia. Entre outras actividades colabora coa rede de investigación SWEMN de detección de bólidos e meteoros do suroeste de Europa e co planetario da Coruña onde todos os meses imparte unha sesión especial chamada Postais Planetarias.

Na actividade que guiará en Chantada, as Perseidas ou Lágrimas de San Lourenzo, chuvia de meteoros que se fai especialmente visible durante as noites de xullo e agosto, serán as protagonistas. A xornada comezará cunha charla no Auditorio Municipal ás 20:30h. Posteriormente, ás 23:00h, as persoas participantes trasladaranse en autobús ao Monte Faro, para ás 23.30h iniciar a Observación do ceo cun telescopio CPC11. O fin da actividade e regreso a Chantada está previsto para as 01:00h. Borja Tosar asegura que “ninguén que veña a unha observación deste tipo queda indiferente, se o ceo non está nubrado veremos moitas cousas que acontecen mirando para arriba”.

O alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, anima á participación nesta proposta novidosa en Chantada, “Esta é a primeira actividade para o público que organizamos desde o Concello de Chantada desde que nos distinguiron como Municipio Starlight. Neste tempo tamén melloramos a sinalización cara o Faro e estamos traballando nun proxecto para acondicionar algunhas das zonas do Starlight. Antes de que acabe o ano queremos facer unhas xornadas para que o tecido empresarial aproveite esta condición de Starlight”.

A xornada é de participación libre e gratuíta, pero para o traslado ao Monte Faro é necesario inscribirse ata o día anterior á realización da actividade, na Oficina de Turismo de Chantada ou chamando ao 982 44 17 52. Para esta visita nocturna recoméndase levar roupa de abrigo e calzado cómodo, manta ou cadeira e linterna con luz vermella. Infórmase tamén de que de non darse as condicións meteorolóxicas axeitadas para a observación do ceo nesa xornada, emprazarase para outra data

ÚLTIMAS

Está a arder Roxe de Sebes?

Em Soldom contarom-nos que naquela altura houvo quem pensou que César que podia ser...

Deteñen en Bóveda unha persoa requirida por un xulgado de Huesca

A Garda Civil detivo a unha persoa na localidade lucense de Bóveda tras non...

A Pobra do Brollón celebrará As Cores do Outono o 27 de setembro

O Concello da Pobra do Brollón vén de presentar o cartel da XI edición...

O lume non dá tregua no Concello de Quiroga

O incendio que saltou de Larouco a Quiroga o pasado 15 de agosto está...