HomesociedadeChantada toca as estrelas na noite da súa estrea como Municipio Starlight

Chantada toca as estrelas na noite da súa estrea como Municipio Starlight

Este luns desde última hora da tarde ata ben entrada a noite, o Concello de Chantada organizaba a primeira actividade divulgativa e de observación como Municipio Starlight. Era a primeira ocasión para dar a coñecer á cidadanía, a teoría e a práctica da astronomía, utilizando o observatorio natural do Monte Faro.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A proposta xerou un grande interese desde a conferencia do astrofísico, Borja Tosar, no Auditorio Municipal, que se encheu de xente, ata a observación guiada tamén polo Máster en Astronomía, en Astrofísica e en Comunicación Científica.

“Contabamos con 77 prazas de autobús que non tardaron en reservarse e a xente seguía chamando para dicir que subirían co coche. O Auditorio estaba case cheo e ao Faro subiron aínda moitos máis coches. Non se podía iluminar por respecto á actividade, pero podemos falar de entre 200 ou 300 persoas as que se tumbaron no Faro para mirar cara arriba e coñecer máis das estrelas. Unha estrea para a xente como Municipio Starlight que foi espectacular”, asegura o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

Borja Tosar comezaría introducindo aos participantes nas características da Certificación Starlight e das Perseidas, as estrelas fugaces que máis tarde verían. Tempo tamén para a divulgación científica falando de exoplanetas, planetas que orbitan estrelas diferentes ao Sol e viaxando cos asistentes pola ciencia ficción e a realidade, como fai Tosar nas súas intervencións no Planetario da Coruña.

Astronomía Borja Tosar / Concello de Chantada

Xa no Monte Faro, o astrofísico, guiou aos participantes a través do espazo grazas a un láser que lle axudaba a explicar estrelas e constelacións. Para a actividade contábase tamén coa posibilidade de observar cun telescopio CPC11 que pudieron utilizar todas as persoas interesadas, dándolle prioridade ás nenas e nenos. A lúa foi a protagonista para o visionado co telescopio, unha lúa que viña de estar chea iluminando o ceo e víanse as perseidas con menos brillo. Con todo, houbo xente que se quedou ata as 4 da mañá e conseguiu ver Saturno a través do telescopio.

“Estou moi agradecido por esta xornada. Nunha actividade de astronomía esta cantidade de persoas é moitísimo. Encheuse o Auditorio e despois para a observación había moita máis xente que decidiu subir en día laborable ou de vacacións, coller o coche e vir mirar as estrelas. Xente moi interesada con moita inquedanza, a resposta foi impresionante”, asegura Borja Tosar que anima a seguir divulgando a astronomía entre a cidadanía, “o Monte Faro é espectacular para facer observación, despexado, plano, coa ermida detrás e o horizonte moi despexado. As condicións son moi boas, un dos mellores sitios de Galicia, sen dúbida, para observar as estrelas. En condicións de boa observación, sen lúa chea, promete un espectáculo estupendo. Moi agradecido ao Concello de Chantada por facer cousas de astronomía e moi agradecido ás persoas que o escolleron como plan”.

Desde o Concello de Chantada agradécese tamén a implicación do astrofísico e a resposta e o interese amosado pola xente de Chantada e doutros puntos de Galicia con esta actividade.

“Oxalá isto sirva para fomentar algo de afección en Chantada e que sexan os propios veciños  os que comecen a facer cousas de astronomía. Sería moi interesante formar unha agrupación astronómica, ir facendo cousas e que as persoas saian a observar o ceo”, conclúe Tosar.

Astronomía Borja Tosar / Concello de Chantada

ÚLTIMAS

Monforte pecha as Feiras do Libro en Galicia

As casetas presentes nesta edición son as de A Gata Tola (Santiago de Compostela),...

Este 22 de agosto XV Feira de Artesanía e Produtos da Terra do Incio

Os expositores abrirán os stands ás 11:00h para media hora dar comezo aos obradoiros...

Está a arder Roxe de Sebes?

Em Soldom contarom-nos que naquela altura houvo quem pensou que César que podia ser...