HomeCultura'Passa-montanhas', a nova obra de Séchu Sende que se presenta no Courel

‘Passa-montanhas’, a nova obra de Séchu Sende que se presenta no Courel

Será este domingo 17 de agosto ás 19:00 h. na "Casa da Manuela", en Ferramulín (Quiroga).

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O activista cultural e medioambiental, escritor e regueifeiro, Séchu Sende, presenta o seu último libro, “Passa-montanhas”, editado por Chan da Pólvora. Aproveitará a súa presenza no Courel para dalo a coñecer nun acto aberto ao público na aldea de Ferramulín, no Concello de Quiroga.

O libro reúne máis de sesenta textos que orixinalmente son pezas audiovisuais realizadas para a rede social Tiktok, con máis de sesenta persoas diferentes. O fío de unión é o pasamontañas, prenda que se converte nun símbolo neste libro. 

Segundo a editora Chan da Pólvora, dirixida polo monfortino Antón Lopo, este é un libro “con poemas que distintas persoas leron cos rostros tapados en curtas de vídeo coa intención de reivindicar as relacións sociais e humanas fronte ás redes virtuais. O libro busca representar unha sociedade insubmisa, loitadora, activa, militante e rebelde. Para o autor, o passamontanhas é un símbolo contrahexemónico e poñelo significa participar dunha revolución poética”.

O autor presenta o libro co lema “Poesía é revolución”, e no evento en Ferramulín reuniranse moitas das persoas que participaron no proxecto audiovisual e que aparecen no libro con cadanseu texto e fotografía con pasamontañas. De feito, o libro naceu en 2021 no contexto da loita cidadá contra a instalación de macroparques eólicos que impactarían no Courel.

PARTICIPACIÓN COLECTIVA E ORALIDADE

A obra, en palabras do autor, representa “unha experiencia colectiva onde a poesía ten unha finalidade: ser comunicativa e crear comunidade arredor de múltiples temas de interese social ou íntimo”. E engade, “é unha forma de vivir a poesía desde a oralidade, máis alá da escrita, nun momento histórico en que a dimensión oral é importante porque nos humaniza, reúnenos e crea comunidade. Máis alá das intelixencias artificiais e o mundo virtual, precisamos espazos para encontrarnos e a poesía sempre tivo esa función. Por iso este libro ten vontade de ser poesía popular ou poesía pop”. 

Passa-montanhas impulsa claramente unha perspectiva sobre a oralidade. Segundo afirma Séchu Sende, “se o primeiro Rexurdimento no século XIX foi escrito, o segundo Rexurdimento, de chegarmos a activalo, debe ser oral e froito dun proceso real de participación colectiva”.

PRESENTACIÓN DO LIBRO

A presentación do libro será este domingo 17 de agosto ás 19:00 h. na “Casa da Manuela”, en Ferramulín. Participarán, ademais de Séchu Sende, poetas da zona como a brindadora Tegra de Tras o Couto, Vicente Reboleiro, e outras persoas vinculadas á Volta Grande do Courel, como as regueifeiras Estrela do Courel ou Maré a Muda.

O evento anúnciase como unha festa onde haberá “loias e regueifas”, poesía cantada improvisada. 

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...