HomeCulturaÉxito de participación no '2º Certame de Relatos Manuscritos' que organiza Peruchela...

Éxito de participación no ‘2º Certame de Relatos Manuscritos’ que organiza Peruchela Edicións

Este ano entraron a concurso 35 relatos, superando a participación da pasada edición, na que concorreran 30 traballos. Ademais de obras chegadas da contorna, recibíronse outras de comunidades como Madrid ou Asturias. Coñecemos os/as premiados/as.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O certame deste 2025 contou con dúas categoría: Adultos e Infantil. Nesta última, pasouse de 4 relatos o ano pasado a 6 nesta edición, “un incremento modesto malia a ampla difusión realizada, xa que se agardaba unha maior participación do público infantil”, comenta Rocío de Peruchela Edicións. Pola súa banda, a categoría de Adultos reuniu 29 obras procedentes da comarca, doutras comarcas veciñas e tamén de comunidades como Madrid e Asturias.

En conxunto, a maioría dos relatos presentados foron escritos en castelán. Porén, curiosamente, na categoría de Adultos os tres premios recaeron en obras redactadas en galego, e na categoría Infantil tanto o primeiro como o segundo premio foron tamén para relatos en lingua galega.

O xurado, composto por Pilar Silvosa, Luis Castro e Manuel Fusaiola, todos eles vencellados ao mundo da cultura e das letras, salientou a calidade das obras gañadoras e sinalou que, aínda que os primeiros postos sobresairon claramente sobre o resto, houbo puntuacións moi axustadas entre os seguintes clasificados, o que fixo que a elección final requirise dunha deliberación coidadosa.

PREMIOS OUTORGADOS

Categoría de Adultos

1º Premio: Historias do muíño de Iria Rodríguez Rodríguez.

2º Premio: Cando florece a piorniña de Xesús Parada Jato.

3º Premio: O corazón de Maya de Rosa Noriega Rodríguez.

Categoría Infantil

1º Premio: A miña amiga cegoña de Suevia Villalda Iglesias.

2º Premio: A cidade dourada de Antón Nieves Rodríguez.

3º Premio: La luna llena de Eva Freire.

Todos os participantes recibirán, nas vindeiras semanas e de balde, un exemplar do libro oficial da edición, no que aparece incluído o seu propio relato. Para quen o desexe, tamén estarán dispoñibles exemplares adicionais á venda por 10 euros en calquera libraría do País.

Rocío, directora executiva de Peruchela Edicións e organizadora deste certame, comenta tras dar a coñecer os/as premiados/as, que “estou moi satisfeita coa diversidade das propostas recibidas. Para nós é fundamental promover a escrita a man, unha práctica que nos distingue e que queremos preservar a través deste certame. Agardo que nas vindeiras edicións a participación siga medrando e a calidade das obras sexa aínda maior”.

ÚLTIMAS

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...

Máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias de Monforte

A formación ofertada tiña por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do...

Juan Bouzo, o Caldelao que chega aos 104 anos

Juan Bouzo, un veciño de Castro Caldelas que alcanzou a idade de 104 anos,...