A pesares de ser o nome que dá sona e historia aos viños da ribeira de Sober, a parroquia de Amandi preséntase coma unha das máis afectadas polo abandono, segundo aseguran desde Agroma Sober. En 2019, segundo os datos do IGE, a parroquia contaba con 57 persoas censadas, sendo 82 no ano 2000, perdendo en dúas décadas máis do 30% da súa poboación,
“O despoboamento percíbese no alto número de casas abandonadas, algunhas das cales ameazan ruína e xeran problemas de seguridade sen que as administracións actúen, como sucede no lugar das Pozas ou no Pacio. O abandono institucional é patente tamén no deterioro de camiños, como o de acceso á Castrela ou as pistas municipais”, destacan.
Á hora de referirse ás fontes desta parroquia lembran que aquí se conservan, unha serie de fontes excavadas na rocha “que son un xenuíno patrimonio cultural e ecolóxico que non debe caer no abandono. Fontes situadas baixo terra ás que se acceder por escaleiras e estruturas de pedra seca, contando cada núcleo tradicional cunha destas fontes comunais”.

Fonte Amandi / Agroma Sober
Algunhas destas fontes atópanse coas estruturas de madeira danadas e sen ningún tipo de mantemento, “sendo un patrimonio histórico, arquitectónico e etnográfico excepcional, sen que sexan nin mencionadas na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial como paisaxe da auga”, lamentan. Con todo, presentan un rogo ao pleno solicitando:
- Impulsar un plan de estudo, mellora e mantemento das fontes da parroquia de Amandi, con criterios científicos, antes do remate de 2027. Ter en conta especialmente as fontes coa tipoloxía peculiar de Amandi: Fonte da Nugueira, Fonte das Pozas, Fonte da Cal, Fonte da Lama, Fonte do Cabarco, Fonte de Chao da Fonte, Fonte das Moreiras.
- Impulsar un plan de mellora das vías municipais da parroquia de Amandi, tendo en conta as propostas da veciñanza.
- Actuar de oficio no caso de edificacións en ruínas que poñen en perigo a seguridade das persoas na parroquia.
- Acondicionar o camiño tradicional de acceso á Castrela

Fonte Amandi / Agroma Sober

