O BNG de Monforte de Lemos presentou unha moción ao Pleno municipal para reclamar que o Concello priorice as súas relacións económicas con entidades bancarias que dispoñan de oficinas abertas ao público e garantan unha atención presencial efectiva na cidade.
O concelleiro do BNG, Emilio J. Sánchez Iglesias, sinala que «non podemos permitir que unha persoa teña dificultades para acceder aos seus propios cartos ou resolver unha incidencia bancaria simplemente porque non sabe utilizar unha aplicación móbil».
Sánchez Iglesias lembra que Monforte é unha cidade cunha poboación envellecida e que presta servizos a toda a comarca, polo que considera fundamental defender a atención presencial e evitar que a dixitalización se converta nunha nova forma de exclusión. Desde o BNG consideran que as administracións públicas tamén teñen capacidade para influír nas decisións das entidades financeiras a través da xestión dos seus recursos económicos.
A moción propón establecer como criterio xeral que as operacións bancarias ordinarias do Concello se realicen preferentemente con entidades que garantan atención presencial en Monforte, sempre dentro do marco legal vixente. Aseguran que non se trata de opoñerse aos avances tecnolóxicos, senón de garantir que estes non deixen a ninguén atrás, “A dixitalización debe facilitar a vida das persoas, non obrigalas a depender doutras para xestionar os seus cartos. Os servizos bancarios presenciais tamén son servizos esenciais para a nosa veciñanza e temos que defendelos”, conclúe Emilio J. Sánchez Iglesias

