O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 17 de outubro de 2026 recolle unha nova convocatoria de axudas para a adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual destinadas ao persoal funcionario e laboral da Deputación de Lugo, correspondente ao ano 2025. A convocatoria contempla financiar parte dos xuros dos préstamos para a compra ou rehabilitación da vivenda habitual, cun límite de préstamo computable de 60.101,21 euros e unha axuda de ata dous puntos de xuro. “A cantidade exacta fixada como límite computábel (60.101,21 euros) provén directamente da conversión exacta de 10 millóns das antigas pesetas. Isto demostra que os criterios económicos e as bases reguladoras deste programa foron deseñados con anterioridade á implantación plena do euro (ano 2002) e mantivéronse invariábeis desde entón”, destacan.
Lamentan que BNG e PSOE manteñan esta política, que vén de etapas anteriores da institución, incluída a de Cacharro Pardo, en vez de abrir unha nova orientación que sitúe a vivenda social entre as prioridades políticas da Deputación.
Segundo esta formación política, a provincia precisa políticas públicas que contribúan a aumentar a oferta de vivenda a prezos accesíbeis, facilitar o acceso á mocidade, apoiar as familias con menos recursos e favorecer que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida nos concellos lucenses, que teñen un amplo parque de vivenda en ruínas ou abandonadas nas parroquias rurais. Para iso cómpre impulsar medidas concretas, estudar a mobilización de patrimonio público e promover a colaboración cos concellos e coas administracións que teñen competencias en materia de vivenda.
A publicación dunha nova convocatoria destas axudas obriga a formular unha pregunta fundamental: que está facendo a Deputación de Lugo para contribuír a resolver o problema da vivenda da maioría social?. “Sen negar os dereitos laborais adquiridos, a Deputación non pode limitar a súa actuación a manter mecanismos internos de apoio á vivenda. Ten que asumir tamén a súa responsabilidade social e pór a política de vivenda ao servizo do interese xeral”, insisten e reclaman a BNG e PSOE que revisen as prioridades da institución e abran un debate serio sobre o papel da Deputación na promoción da vivenda social.

