HomeMedio ambiente e PatrimonioChantada anima á veciñanza a colleitar microtopónimos para conservar a riqueza lingüística...

Chantada anima á veciñanza a colleitar microtopónimos para conservar a riqueza lingüística do municipio

Toponimízate é unha campaña da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral de Política Lingüística para recoller e conservar o rico patrimonio cultural inmaterial que reside na toponimia e concienciar á cidadanía do risco que corre de perderse. Para salvagardar estes nomes de lugar que se transmitiron de xeración en xeración cóntase coa aplicación colaborativa Galicia Nomeada onde as persoas poden aportar os nomes de viñedos, montes, fontes, penedos, regueiros...

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Para dar a coñecer este programa onde a colaboración da xente é fundamental, o Auditorio Municipal de Chantada acolleu unha presentación pública coa participación de Vicente Feijoo, coordinador deste proxecto colaborativo e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG.

Chantada cun territorio de 176 km2 conta no visor de Galicia Nomeada con 849 topónimos dos cales 319 corresponden aos nomes de aldeas ou entidades de poboación do Nomenclátor. Con todo, a maioría da microtoponimia (nomes de terras, montes, fontes, penedos…) está sen recoller nas 36 parroquias que ten o municipio. As parroquias que teñen máis rexistros de nomes de terras son as de Pedrafita e Sabadelle. 

Destacan a cantidade de topónimos chantadeses que proceden de nomes de posesores medievais de orixe xermánica como Argozón, Belesar, Bermún, Esmeriz, Esmoriz ou Mariz, nomes que estaban de moda nos séculos IX e X. Tamén resultan curiosas as parroquias que levan o nome Asma, como San Xurxo de Asma ou San Salvador de Asma. Trátase dun nome prerromano con moitos séculos de antigüidade.

No encontro de Chantada participaron varias profesoras de Lingua e Literatura Galega dos dous institutos de Chantada, o IES Lama das Quendas e o IES Val do Asma. O alumnado do primeiro, xa o ano pasado participou da recolleita de topónimos e neste curso esténdese ao Val do Asma.

A encargada de presentar o acto foi a concelleira de Turismo, Pamela Fernández Águila, que tamén estivo acompañada polo técnico de cultura, Xosé Ramón Caamaño. A concelleira destacou as utilidades que teñen os topónimos desde o punto de vista cultural e turístico, “para ofrecerlles aos visitantes unha información lingüística, histórica e cultural do seu territorio moi valiosa e que non está escrita nos libros”. 

Pola súa banda Vicente Feijoo explicaba que a colaboración para aportar os nomes é sinxela dándose de alta na plataforma, “Só queremos salvagardar os nomes para que non se perdan porque entre o despoboamento do rural e que cada vez máis xente abandona as tarefas agrícolas, pérdense máis nomes dos montes e das terras que non figuran en ningún catastro e en ningún mapa, só os sabe a xente maior. Ese valor é o que queremos conservar, pero é necesaria a colaboración veciñal para preservar todo este patrimonio”.

ÚLTIMAS

Do 21 de abril ao 20 de maio pódese solicitar a inscrición en Artelemos 2026

As artesás e artesáns interesados en participar deberán presentar o modelo normalizado de solicitude...

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...