Baixo o título ‘Enoturismo e Cultura, a oferta diferencial do Arco Atlántico’, o pasado 3 de outubro tivo lugar en Santander, concretamente no Centro Botín de Santander, un interesante foro no que participou a adega quiroguesa Lar de Ricobao, propiedade da empresa Ouro de Quiroga.
A apertura institucional contou coa presenza de Tomás Dasgoas, presidente da Cámara de Comercio de Cantabria; Marta García Hospital, directora xeral de Fondos Europeos do Goberno de Cantabria; Pilar Gómez Bahamonde, directora da Fundación Camiño Lebaniego; e Fátima Sánchez Santiago, directora executiva do Centro Botín.
‘EXPERIENCIAS DE ENOTURISMO NO ARCO ATLÁNTICO’
Este foi o título do coloquio no que participou o representante de adega quiroguesa Lar de Ricobao, Julio Quiroga, compartindo mesa con Cristina Pérez Martín, de Adega Marqués de Riscal (País Vasco); Enrique Pascual, presidente da D.O. Ribeira do Douro (Castilla e León); e Miriam Pinto, de Adega Sel D’Aiz (Cantabria).
Julio Quiroga destacou a estreita relación da adega co seu territorio e o seu compromiso coa promoción do Camiño de Santiago de Inverno, roteiro que atravesa Quiroga, localidade onde se sitúa a adega. Así mesmo subliñou a importancia de impulsar actividades vinculadas ao territorio e á cultura, consolidando o enoturismo como unha experiencia completa e diferenciada. A adega xa ofrece propostas como visitas guiadas, catas, percorridos polos viñedos e participación na vendima, experiencias que van máis aló do viño para conectar ao visitante coa paisaxe, a tradición e a innovación.

OURO DE QUIROGA, APOSTA POLA INNOVACIÓN E A DINAMIZACIÓN TURÍSTICA
Ouro de Quiroga, propietaria da devandita adega, impulsa tamén a recuperación de oliveiras autóctonas galegas e proxectos de I+D en colaboración con entidades como o CSIC e a Fundación Juana de Vega para mellorar técnicas de multiplicación vexetal.
Así mesmo, desenvolve proxectos de rehabilitación de patrimonio local, como os inmobles tradicionais da contorna do Castillo de Torrenovaes, e colabora activamente con actividades de dinamización cultural e turística que ofrece dentro do Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel.
Lembrar tamén que Lar de Ricobao iniciou no 2024 unha colaboración coa destilería cántabra Siderit para elaborar whiskys de alta gama mediante a crianza en barricas vinificadas con variedades de uva galega como godello e branco lexítimo, entre outras.

