HomePolíticaO PP anuncia no Parlamento que a Xunta investirá 30M€ no Hospital...

O PP anuncia no Parlamento que a Xunta investirá 30M€ no Hospital de Monforte, mentres o BNG reclama solucións ás listas de espera

A situación da calidade asistencial no Hospital Comarcal de Monforte foi esta semana obxecto de debate no Parlamento da man do deputado do BNG, Iago Suárez, que defendeu unha iniciativa para reclamar que se reforce o cadro de persoal deste centro sanitario que, advertiu, é bo exemplo da situación do Sergas, "Un gran lume incontrolado que xa non hai por onde collelo".

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A iniciativa nacionalista demandaba garantir a cobertura completa de prazas nos servizos con maiores déficits, como Pediatría, Coidados Paliativos, Psiquiatría, Medicina Interna, Dermatoloxía, Neuroloxía ou no paridoiro. Baixar as listas de espera no hospital comarcal, que atende a once concellos da comarca Sul de Lugo, e garantir a calidade asistencial.  

Suárez destacou que nunha comarca especialmente envellecida, “só hai un neurólogo que vai a Monforte dúas veces á semana, e só hai un psiquiatra, que non dan feito pola enorme carga de traballo, cunhas listas de espera tremendamente grandes. O caso máis dramático é do de Pediatría, onde só están cubertas dúas das catro prazas e unha das persoas profesionais que exerce ten 70 anos e está traballando porque quere”. 

Iago Suárez acusou o PP de facer “un exercicio de contorsionismo dialéctico dificilmente superable” para argumentar o seu voto en contra, negando a realidade da atención sanitaria que reciben a diario os doentes do hospital comarcal. “Deixen de botar balóns fóra”, advertiu dirixíndose ás deputadas e deputados populares, a quen lembrou que a Xunta ten as competencias exclusivas en sanidade, que o PP leva no goberno desde 2009  e que, polo tanto, a responsabilidade de dar solucións aos problemas no hospital é súa.

A proposta tivo o voto en contra do PP e Suárez lamentou a decisión lembrando que a Xunta ten competencias exclusivas en sanidade e a súa responsabilidade é dar solucións aos problemas deste centro.

Pola súa banda a portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 4,5 millóns de euros no Hospital de Monforte, que se traduciron na renovación de áreas fundamentais e lembrou que “os técnicos da Consellería están a traballar nun ambicioso proxecto de remodelación integral deste hospital, que suporá actuar en máis de 11.000 metros cadrados cun investimento estimado de 30 millóns de euros”.

Amigo repasou os novos servizos incorporados como o novo hospital de día oncohematolóxico, que permite atender a pacientes oncolóxicos sen desprazarse a Lugo; a mellora da farmacia hospitalaria; o novo laboratorio de microbioloxía; ou as áreas de cardioloxía, pneumoloxía e dixestivo, con obras xa rematadas ou adxudicadas por máis dun millón de euros. Tamén se ampliou a carteira asistencial con especialidades novas, como oncoloxía, alergoloxía ou hospitalización a domicilio.

Respecto da falta de profesionais, Encarna Amigo incidiu que “este problema non é exclusivo de Galicia, senón de todo o sistema nacional de saúde, ao que Galicia está poñendo solucións enriba da mesa”. En concreto, citou a lei galega aprobada, co voto en contra do BNG, para cubrir as prazas de difícil cobertura por concurso de méritos, a través da que tomaron posesión 17 novos especialistas no Hospital de Monforte.

A portavoz popular criticou ao BNG por “faltar á verdade falando de longas esperas no Hospital de Monforte” e, asegurou que nos últimos datos do Ministerio de Sanidade, “Galicia é a cuarta comunidade con menores tempos de espera sanitaria de toda España, e recóllese Monforte como un dos hospitais comarcais con mellor rendemento”.

ÚLTIMAS

“Habilidades e competencias para o emprego”, do 15 ao 17 de outubro no Centro Cívico de Monforte

Enmarcada no programa ALICIA-Activando la Igualdad, a actividade lévase a cabo en colaboración coa...

47 empresas lucenses benefícianse do programa Emega que impulsa o emprego feminino

Os deputados populares salientaron en Paradela que un total de 47 empresas da provincia...

Chantada anima á veciñanza a colleitar microtopónimos para conservar a riqueza lingüística do municipio

Para dar a coñecer este programa onde a colaboración da xente é fundamental, o...

Hoxe, mañá e sempre: a túa mente importa

De 11.00 a 13.00 horas, os monfortinos e monfortinas puideron coñecer máis de cerca...