O encontro ten por obxecto abrir un diálogo técnico, baseado en datos e achegas especializadas, arredor do termo “turismofobia”: que significa, cal é o seu alcance real, como se mide e como é tratado desde a análise académica, a xestión pública, o sector e a comunicación.
A sesión estrutúrase en tres mesas de debate e unha conferencia inaugural. Abordaranse, entre outras cuestións, percepcións sociais, vivenda de uso turístico, xestión de destinos, circulación de información e desinformación e modelos de gobernanza e comunicación.
O programa abrirase cunha conferencia inaugural a cargo de Enrique Benítez Palma, investigador do Instituto Universitario de Investigación Ortega e Marañón (IUIOM), que situará o marco conceptual e metodolóxico da xornada.
A primeira mesa, “Radiografía da turismofobia: quen di que e por que?”, afondará na orixe do termo e na configuración dos seus discursos, identificando actores, motivacións e canles de difusión. Participarán Lois Ladra Fernández (antropólogo e director do Museo do Pobo Galego), Érika Jaraiz Gulías (profesora de Ciencia Política da USC); Beatriz Saura Alberdi (secretaria xeral da Asociación de Internautas) e Margarita García Álvarez (coordinadora da Área de Vivenda da Confederación de Asociacións veciñais), achegando visións desde a antropoloxía, a ciencia política, o ecosistema dixital e o movemento veciñal.
A segunda mesa, “Realidade ou ficción? Desmontando bulos e esaxeracións no debate turístico”, porá os datos no centro: contraste entre evidencias e percepcións, distribución territorial da demanda, impacto das vivendas de uso turístico, retos de xestión de destinos e circulación de desinformación. Intervirán Miguel Pazos Otón (doutro de xeografía humana na USC e membro do CETUR), Emilio Cuiñas Otero (xeógrafo e socio consultor en Autoxiro Turismo), Pablo Díaz Rodríguez (Doutor de antropoloxía social da Universidade de La Laguna e ISTUR) e Jesús Conde García (profesor da área de urbanismo da Universidade da Coruña), sumando perspectivas de xeografía humana, planificación e marketing de destinos, antropoloxía social e urbanismo.
A terceira mesa, “Antídotos contra a turismofobia: comunicación, transparencia e modelo de futuro”, centrará o debate en solucións: estratexias de comunicación responsable, participación cidadá, gobernanza colaborativa, indicadores de calidade e uso de intelixencia turística para unha xestión máis transparente. Contará con Ana Lago García (Dirección Adxunta do Hostal dos Reis Católicos), Morey Pérez Intriago (Centro de Alto Rendemento Turístico – CART), Xosé Gabriel Vázquez Fernández (sociólogo e profesor na UDC) e un representante da Axencia de Turismo de Galicia, integrando a visión empresarial, profesional, académica e institucional.
A xornada será unha oportunidade para analizar propostas construtivas, baseadas en modelos de turismo inclusivo, comunicación responsable, participación cidadá e xestión equilibrada dos recursos.
Este foro, que será de acceso libre e está dirixido ao conxunto do sector turístico, profesionais da comunicación, responsables públicos, entidades sociais e persoas interesadas, procura contribuír con evidencia e diálogo a un dos debates máis vivos e relevantes para o futuro económico e social de Galicia.