HomeEconomíaTomé asegura que manterá conxeladas as taxas, agás auga e saneamento que...

Tomé asegura que manterá conxeladas as taxas, agás auga e saneamento que subirá un 3%

Na recollida e tratamento de lixo mantéñense as contías aplicadas o pasado mes de abril cando Sogama, subiu a taxa de tratamento do lixo. "A Directiva Europea grava a incineración e o depósito en vertedoiro, as formas preferentes de Sogama. Esta mala xestión obrigou a Sogama a subir o canon e repercutilo no recibo que abona o cidadán”, explica o alcalde.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este luns, 27, de outubro, lévase ao pleno do Concello de Monforte a proposta de modificación de ordenanzas fiscais para os orzamentos do ano 2026. O alcalde asegura que, por undécimo ano consecutivo, non haberá subida de taxas e impostos municipais en Monforte.

No exercicio 2026 manterase a redución nun 50% da fiscalidade da ordenanza do Cemiterio por sepultura e transmisións levada a cabo no 2020. Tamén se aplicarán as bonificacións aprobadas no ano 2019 sobre o ICIO, o IAE e o IBI para fomentar a creación de postos de traballo e a implantación de empresas.

No caso dos servizos de abastecemento da auga, rede de sumidoiros e depuración, nos que existen obrigas contractuais con empresas, incrementaranse as tarifas en concordancia ao IPC, establecido entre setembro de 2024 e setembro de 2025, nun 3%.

No que se refire á recollida do lixo, aplicarase unha actualización do 85% do IPC, xa que así o establece o contrato coa concesionaria do servizo, pero este incremento non repercutirá no recibo dos cidadáns, xa que será asumido polo Concello para compensar o impacto provocado pola subida do canon aplicado por Sogama, que si repercute directamente nos cidadáns.

A cota tributaria no recibo do lixo consistirá nunha cantidade variable que se modificará anualmente. No caso das vivendas da zona urbana, o recibo será de 19,05 euros, dos que 10,11 corresponden á variable de Sogama, e 8,94 á do Coste do lixo. Na zona rural o recibo mantense en 9,54 euros, dos que 5,07 son de SOGAMA e 4,48 Coste do Lixo.

“Os monfortinos e as monfortinas pagarán en 2026 o mesmo que veñen tributando nos últimos anos, agás nos recibos da auga e saneamento, nos que, por estar suxeitos a un contrato, incrementaranse nun 3% aplicando a suba do IPC”, detalla o rexedor. “O resto das ordenanzas fiscais que dependen do Concello seguirán conxeladas, como veu ocorrendo desde o ano 2015, data na que chegamos ao Goberno municipal”.

Calendario fiscal

No referente á Ordenanza Fiscal Xeral dos Ingresos Municipais, modifícase o calendario fiscal para adecualo ás datas laborais do vindeiro ano 2026:

  • Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica: do 10-04-2026 ata o 10-06-2026.
  • Imposto de Bens Inmobles: do 05-08-2026 ata o 05-10-2026. Neste caso, os recibos superiores aos 100€ fraccionaranse en dous cargos: o primeiro, polo 60% do importe, farase o 5 de agosto de 2026, e o segundo, polo 40% restante, o 7 de decembro de 2026.
  • Imposto sobre Actividades Económicas: do 18-08-2026 ata o 20-10-2026.
  • Os recibos dos servizos da auga e a recollida do lixo pasaranse bimestralmente.

ÚLTIMAS

20 edicións do Castañazo, o 31 de outubro e 1 de novembro en Chantada

Do acto de presentación participaron o Concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez; a...

Ferido un home en Pantón tras caer na zona da Fervenza de Augacaída

O accidente ocorreu sobre as 18.40 horas deste xoves, cando un particular contactou co...

Último día para inscribirse no obradoiro de Alimentación Saudable para maiores de 60 anos do Programa Activa Monforte

O Espazo Gastronómico de Monforte, situado na Praza de Abastos, acollerá un obradoiro de...

Taboada vibrará este sábado cos Cantos de Taberna: 17 grupos, concerto e Foliada final

Taboada celebra este sábado 25 de outubro a súa V edición dos Cantos de...