HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: O Camiño Francés de Lugo a Monforte de Lemos (I)

Cousas Xacobeas: O Camiño Francés de Lugo a Monforte de Lemos (I)

A vía de comunicación principal entre Lugo e Lemos, dende a cidade episcopal a Monforte, seguíu até 1853 -1858 un trazado ben diferente do que seguen a estrada aberta a mediados do século XIX e a Autovía-Vía de Altas Prestacións que dende Nadela leva varias décadas aberta. 

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

A apertura da estrada (camiño de segunda orde) entre Nadela e Monforte, pasando pola vila de Sárria viuse reforzada coa posta en funcionamento do camiño de ferro que por Rubián, Sárria e A Pobra de de San Xiao permitiu unha fundamental mellora no movemento de persoas e mercancías, potenciado o desenvolvemento económico das comarcas  de Lemos, Sárria e as terras do Neira.

O histórico “Camiño francés de Lugo a Monforte“, tamén chamado “Camiño Real de Lugo a Monforte“ atravesaba terras das bacías do Miño, do Chamoso, do Neira, do Loio, do Mao e do Cabe, nos actuais concellos de Lugo, O Corgo, O Páramo, Sárria, O Incio, Bóveda e Monforte de Lemos. Esta vía ía máis a leste das actuais estradas e tiña especial dificultade na Costa do Páramo, no treito entre Courel de Sáá e Escarlán, na parroquia de Goián. A Ponte da Tolda, as Pontes da Foz e da Areosa, a Ponte de Neira (Cela-Vilarmosteiro) e a Ponte de Ribasaltas eran as obras de fábrica máis destacadas, ás que se sumaban os pontigos que permItÍan salvar os numerosos regueiros que levaban as súas augas aos cauces principais.

Este camiño era un dos chamados “Camiños dos Portos” porque eran seguidos por camiñantes e traxinantes que ían na percura dos portos de A Coruña, Viveiro e Ribadeo, sendo vía que permitía o comerzo dos viños de Valdeorras e Lemos na súa saída cara Lugo e toda a zona norte de Galicia.

Porta San Pedro

En paralelo a este ruta principal, que era a máis direita, dende Rubián partía unha vía secundaria que  levaba ata a vila de Sárria, dende onde saían dous ramais, un que empataba en Goián coa ruta principal e outro que pola Pobra de San Xiao levaba ata San Xoán de Pena, e San Román de Castro, xa perto de Lugo, onde todas esas vías do Sur confluían, co Camiño de Castela pola Ponte de Carracedo e Lamas de Viduedo-O Cebreiro e, dende finais do século XVIII coa estrada real de Madrid á cidade herculina aberto no tempo de Carlos III.

A apertura da estrada que con orixe en Nadela se comezou a facer nos anos finais da década de 1840 e que en 1853 xa chegara á Sárria, permitiu unha radical mellora no xeito de se desprazaren particulares e comerciantes deixando de lado as carreiras e corgas fondas que pola súa estreitura a mala conservación eran motivo de sufrimento constante para os camiñantes.

Esa estrada, proxectada para a comunicación da capital da provincia con Lemos e Valdeorras, supuxo a implantación de novos xeitos de viaxar, e así vemos como dende Sárria se estableceu un servizo de “ómnibus” (carro longo de tracción animal) que admitía pasaxeiros e mercancías en tránsito, contar cun servizo regular de sair  un día en dirección a Lugo e ao seguinte voltar para Sárria, o que permitiu maior comodidade nos desprazamentos ao poderen ir sentados os pasaxeiros.

Mesmo está documentado que cando a liña de ferrocarril con orixe na Coruña chegou a Sárria e máis adiante ao Oural, dende Monforte de Lemos se estableceu un servizo de dilixenzas, que permitía que quen quería iren a Lugo ou ata A Coruña se servisen delas ata as estacións e dende ali seguían en tren ata os seus destinos.

O primitivo Camiño Francés de Lugo a Monforte, seguido por particulares que camiñaban a pé, e os máis favorecidos usando asnos e cabalerías, era vía mal acondicionada pola que só pasaban os pesados carros campesiños, tirados por vacas, e algún que outro ousado propietario dunha calesa, descoñecedor da natureza dos camiños rurais galegos, e era seguido adoito polas reas dos arrieiros que traxinaban en toda clas de mercancías e que achegaban viño e sal ás diferentes comarcas e feiras por onde eles andaban. Os tránsitos de militares forzaban organizar desprazamentos de bagaxes coa participación forzada dos paisáns, mal e tarde retribuida, que tiñan que facer os carretos. Era tamén camiño seguido polos “correos” e “mandadeiros” que facían as súas rutas a pé.

Para coñecer por onde decorría este vello Camiño Real adicarémoslle atención ao seu trazado, que aparece ben documentado no Mapa de Domingo Fontán, quen o fixo anos antes de que se abrise a nova estrada, tirando máis a leste, nos seus sucesivos treitos abertos légoa a légoa, de Nadela a San Fiz de Paradela, de San Fiz de Paradela a Lamapulleira, de Lamapulleira á Pobra de San Xiao, da Pobra de San Xiao á saíida do Monte do Conde, dalí a Sárria, segujndo ata chegar a Bóveda, onde se bifurcou cara a Quiroga e Monforte de Lemos.

Foi así como o primeiro proxecto, do ano 1843, para abrir unha estrada de Monforte a Viveiro, pasando por Sárria, Lugo e Vilalba foi  só realidade entre Monforte e Nadela, e supuxo a morte do vello “Camiño Francés de Lugo a Monforte de Lemos”.

ÚLTIMAS

O Concello de Monforte confirma varias subvencións a entidades locais tras a correcta xustificación das mesmas

O Concello de Monforte vén de informar da validación da xustificación de axudas concedidas...

O 4 de decembro ás 18:30 Monforte acende o alumeado de Nadal con 1,2 millóns de luces led

O acendido oficial será na antesala da ponte festiva da Constitución, o venres 4...

Os orzamentos municipais do Incio para 2027 ascenden a 2.397.369€

As contas recollen unha partida de 201.000 euros para a pavimentación de accesos aos...

Derradeiros días para inscribirse no Mercado de Nadal de Pantón

As solicitudes deben presentarse antes deste 29 de novembro na Casa da Cultura ou...