Neste domingo electoral están chamados a votar 2.734.433 electores e electoras, das que 2.217.410 persoas corresponden ao censo de electores residentes (CER) mentres que 517.023 son persoas do censo electoral de residentes estranxeiros (CERE). Un total de 75.980 persoas poderán exercer o dereito ao voto en Galicia por primeira vez.
Estas eleccións elixirán as persoas que ocuparán 23 escanos no Congreso dos Deputados e 16 no Senado polas catro circunscripcións electorais de Galicia.
A Delegación do Goberno realizou nestas semanas varios simulacros do procedemento electoral, co obxectivo de que as próximas horas se desenvolvan coa mesma normalidade que nas pasadas eleccións. En total, está mobilizado un equipo de 260 empregados e empregadas da Delegación e das catro subdelegacións nas provincias.

En total hai 3.912 mesas en 2.307 locais electorais. Estas son xestionadas por 11.736 integrantes das mesas. No seguimento e recompilación de datos participan un total de 2.528 representantes da Administración. Ademais, contarán co respaldo de 7.697 efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade. En concreto, 4.241 da Garda Civil; 2.414 da Policía Nacional e 1.042 de Policía Local.
Entre as principais novidades deste proceso electoral, os electores e electoras poden identificarse por primeira vez co DNI dixital, a través da aplicación MiDNI. Para facilitar este procedemento, cada mesa electoral conta cun dispositivo de lectura.
Haberá dous avances de participación: ás 14 e ás 18 horas. Ás 20 horas pecharanse as mesas e empezará o escrutinio, sumando os votos efectuados en mesa coa incorporación dos votos emitidos por correo.
Os representantes da Administración presentes nas mesas realizarán a comunicación dos resultados, que poderán consultarse na web das eleccións xerais, que está xa operativa, https://29neleccionesgenerales.es/ e na aplicación móbil habilitada polo Ministerio do Interior.

