Reunión do Equipo de Goberno do Concello de Monforte para a confección da Axenda 2030, xuntanza de traballo na que participaron, ademais da Tenente de Alcalde, os Concelleiros e Concelleiras de Sanidade, Drogodependencias, Tráfico e Mobilidade, Pilar Espinosa; de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; Deportes, José Manuel Mougán; Consumo, Regina López; Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, e Muller e Igualdade, Margarita López. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, presidiu a mesa e salientou a “oportunidade única” que ofrece este plan “para converternos nunha cidade máis sostible, eficiente e cohesionada socialmente”.
PLAN DE ACCIÓN MUNICIPAL EN CONSONANCIA COA AXENDA 2030
Desenvolver este plan de acción municipal permitiralle ao Concello de Monforte aliñar as súas políticas públicas cos obxectivos que marcan a denominada ‘Axenda 2030’: desenvolvemento sostible, mellor planificación estratéxica, fortalecemento da participación cidadá, e acceso a oportunidades de financiación rexional, estatal e europea.
O punto de partida na elaboración deste plan municipal é facer un diagnóstico previo que permita identificar accións planificadas polo goberno local que xa estean aliñadas cos “obxectivos de desenvolvemento sostible”, coñecer o seu grado de desenvolvemento no ámbito local e establecer áreas prioritarias de intervención.
Partindo desta análise previa, elaborarase un plan de acción para acadar os obxectivos e farase un seguimento. As accións de goberno incluirán tamén unha campaña de difusión e sensibilización que terá como destinatarios tanto o persoal técnico do Concello como o alumnado de Secundaria dos centros educativos de Monforte, co fin de dar a coñecer a Axenda 2030 e a súa importancia.
AXENDA 2030 E OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
A iniciativa da Axenda 2030 parte da ONU coa finalidade de abordar conxuntamente as principais problemáticas que afectan ao planeta hoxe en día, xa sexan de carácter social (fame ou desigualdades entre poboacións), medioambiental (cambio climático ou sobreexplotación dos recursos naturais) ou económico (pobreza).
A resolución distingue 5 eixos fundamentais arredor dos que pivota a folla de ruta a seguir: as persoas, o planeta, a prosperidade, a paz e as alianzas. De forma simultánea, estes elementos distribúense nos seguintes 17 obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS):
ODS1. Fin da pobreza.
ODS 2. Fame cero.
ODS 3. Saúde e benestar.
ODS 4. Educación de calidade.
ODS 5. Igualdade de xénero
ODS 6. Auga limpa e saneamento.
ODS 7. Enerxía accesible e non contaminante.
ODS 8. Traballo decente e crecemento económico.
ODS 9. Industria, innovación e infraestrutura.
ODS 10. Redución das desigualdades.
ODS 11. Cidades e comunidades sostibles.
ODS 12. Produción e consumo responsables.
ODS 13. Acción polo clima.
ODS 14. Vida submarina.
ODS 15. Vida de ecosistemas terrestres.
ODS 16. Paz, xustiza e institucións sólidas.
ODS 17. Alianzas para acadar os obxectivos.

