HomeEconomíaMonforte destina 30.000€ a axudas ao emprendemento

Monforte destina 30.000€ a axudas ao emprendemento

O Concello de Monforte ten aberta unha nova convocatoria para a concesión de axudas á creación de empresas dentro do Programa de Fomento da iniciativa empresarial no Concello de Monforte de Lemos. O 21 de novembro remata o prazo para presentar as solicitudes.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A estas axudas poderán acollerse os autónomos e as pequenas e medianas empresas (PEME) que teñan o seu enderezo fiscal e social en Monforte de Lemos e que comezaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025. A contía prevista para estas subvencións ascende a 30.000 euros e a finalidade é subvencionar parte dos gastos da posta en funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade. Concretamente, os gastos realizados desde dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes.

O importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros por beneficiario, non podendo superar o 50% dos gastos efectuados durante o período indicado. Cómpre destacar que esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade.

Entre os requisitos para poder optar a estas axudas, ademais de ter o enderezo fiscal e social en Monforte, as empresas teñen que ser de nova creación, e as persoas promotoras estar en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo.

As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas destas bases cando formen parte dunha comunidade de bens, Sociedades Civís, cando a súa incorporación á mesma como socio implique a súa alta no réxime especial de traballadores por conta propia ou constitúan unha Sociedade Mercantil.

Gastos subvencionables

Os gastos que poden ser subvencionables corresponden aos realizados desde dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes:

– Gastos de constitución: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos xerados no proceso de apertura e constitución da empresa: Visado, honorarios e gastos de proxectos técnicos, e alta no Rexistro Mercantil.

– Existencias iniciais de mercadorías: serán subvencionables o 50% da adquisición de primeiras compras de mercadorías, de materias primas e doutros consumibles utilizados no proceso de produción.

– Gastos de aluguer de local, do vehículo industrial, de aplicacións informáticas e de equipos informáticos: serán subvencionables o 50% dos  gastos de aluguer sempre que o elemento alugado sexa imprescindible para a realización da actividade da empresa.

– Primas de seguros: serán subvencionables o 50% dos gastos da contratación de seguros directamente relacionados coa actividade da sociedade (seguro do local, de responsabilidade civil e, como máximo, dun vehículo, só no caso de que sexa imprescindible para o desenvolvemento da súa actividade).

– Subministracións e gastos correntes: serán subvencionables o 50% dos seguintes gastos correntes derivados directamente da realización da actividade empresarial: Auga, teléfono, electricidade, gasóleo/gasolina, material de oficina, asesoría (só cotas mensuais), gas, equipos de seguridade nas súas instalacións (só cotas mensuais).

O Alcalde, José Tomé, lembra que esta convocatoria enmárcase no programa “Promoción do emprego” impulsado polo Equipo de Goberno, e que “ten como obxectivo principal contribuír a fixar poboación en Monforte e propiciar un crecemento sostible, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local, facilitando a incorporación ao mercado laboral das persoas en situación de desemprego”.

ÚLTIMAS

Pontón urxe en Sarria a que a Xunta remate o desdobre de Nadela, “que Feijóo comprometera para o 2020”

Pontón visitou este mércores en Sarrria, as instalacións de Galimplant, empresa referente no ámbito...

D.O. Ribeira Sacra, presente na feira Mediterránea Gastrónoma de Valencia

Gastrónoma é un dos principais puntos de encontro do sector da gastronomía e da...

Unha ‘gran fonte’ transformará o Parque dos Condes de Monforte

O Concello de Monforte vén de presentar un novo proxecto para a cidade. Trátase...

A fábrica de cemento Oural, Premio Excelencia Química Empresarial de Galicia 2025

Este premio, o maior recoñecemento na comunidade autónoma galega ao sector da Química Empresarial,...