Chantada contra as violencias machistas, Súmate! 25N, é o slogan da campaña que inclúe contacontos, charlas, exposicións e actividades de sensibilización con alumnado, ademais da lectura do Manifesto do 25N ás 12.00h diante da Casa Consistorial. A concelleira de Igualdade do Concello de Chantada, Pamela Fernández, destaca o cartel deste ano, obra do artista local, Jon González, “Contamos cun cartel moi fermoso co que faremos unha importante campaña visual que invita a todo o mundo a sumarse á loita contra as violencias. Repartirémolos en asociacións, locais de hostalaría,… para que no 25N teñan todos o cartel nas súas portas”.
Unha das primeiras actividades da programación será este venres, 7 de novembro, cun contacontos na Biblioteca Pública Municipal. Ás 18:00h Trémola Teatro representará o contacontos teatralizado, Daniel e Daniela, destinada a público infantil. Para a xuventude cóntase no Auditorio Municipal cunha exposición da Xunta de Galicia, Á Violencia de Xénero… dille NON. Unha mostra didáctica coa que se desenvolven talleres impartidos pola educadora, Paula Santos, para fomentar que o alumnado reflexione sobre o impacto que as redes sociais teñen sobre as súas vidas en relación coa violencia de xénero, tendo en conta que as tecnoloxías xogan un papel importante na conformación e desenvolvemento de relación afectivo-sexuais. Dos obradoiros que se celebran esta semana participan un cento de alumnos/as dos IES Val do Asma e Lama das Quendas.
O 19 de novembro o Auditorio Municipal de Chantada acollerá ademais unha obra de teatro igualdade, Valente e Rebelde, para o alumnado de 4 a 7 anos dos CEIP Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo.
“Con estas actividades enfocadas a acabar coas diferenzas de xénero, insistimos principalmente na educación porque as nenas e nenos de hoxe son os adultos de mañá”, explica Pamela Fernández, que adianta que o 28 de novembro se pechará a programación do 25N cunha charla sobre menopausia, “escollemos pechar a programación do 25N abordando esta temática porque a veñen demando moitas mulleres e queremos atender esas inquedanzas”. A actividade terá lugar o 28 de novembro no Auditorio Municipal. O programa de actividades do 25N conta coa financiación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.


