Vendaval, o festival de cinema portugués da Ribeira Sacra, comezou este xoves, 20 de novembro, no restaurante Trespés de Monforte de Lemos. Fíxoo coa proxección de ‘Percebes’, unha curtametraxe de animación portuguesa, asinada por Alexandra Ramires e Laura Gonçalves, sobre o ciclo da vida dun molusco especial no Algarve. No mesmo restaurante houbo unha degustación atlántica de tres viños e tres petiscos (18 €). segue o ciclo completo da vida dun molusco especial na rexión do Algarve.
As proxeccións, programadas ata o 23 de novembro, teñen lugar en catro concellos da Ribeira Sacra e acompañan con obradoiros e faladoiros novidades do audiovisual lusófono nos xéneros de ficción e documental, incluindo producións en animación.
A segunda edición do festival, iniciada cun primeiro pase no mes de agosto, segue o lema “Tan cerca, tan lonxe” e neste pase de outono proxecta 23 obras audiovisuais en catro concellos da Ribeira Sacra: Monforte, Bóveda, A Pobra do Brollón e Pantón. Vendaval mostra o seu compromiso cara o cine de autor buscando tamén que xurdan sinerxias entre Galicia e Portugal centrando o cartaz en co-producións entre ambos territorios.
Dende a organización poñen en valor tamén que o evento busca a participación e presenza de grupos de idade e sociais diversos desenvolvendo o festival nalgúns espazos culturais de nova creación no territorio ou en residencias para persoas con diversidade funcional, entre outros. Ademais, co propósito de atraer á participación, Vendaval achega outras metodoloxías artísticas, e diferentes actividades paralelas: obradoiros, faladoiros…
PROGRAMA PARA OS DÍAS 21, 22 E 23 DE NOVEMBRO
21 DE NOVEMBRO: “The Voyager”. Na Residencia Neuralmentalia (Bóveda). Os residentes visualizan a curtametraxe de João González, seguida dun obradoiro de musicoterapia impartido por Patricia Castro.
22 DE NOVEMBRO: “Viagem a Cabo Verde”. Ás 11:00 horas en éRibeira Project (Monforte de Lemos). Logo da proxección da curtametraxe portuguesa, de José Miguel Ribeiro, os artistas locais DoaOa e Maz guían un taller grupal de expresión lúdica e narrativa mediante o debuxo.
Este mesmo sábado, prográmase unha variedade de curtametraxes na Pobra do Brollón. Concretamente serán tres documentais e unha ficción. Ás 20:00 horas na Casa da Cultura Olga Novo. As curtas que se proxectarán: “O Homem de Trás-os-Montes”, de Miguel Morais Cabral; “Longe da Amazónia”, de Francisco Carvalho; “Kora”, de Cláudia Varejão e “Anjo”, de Miguel Nunes.
23 DE NOVEMBRO: “Ariel”. Ás 18:00 horas na Casa da Cultura (Pantón). Este pase enmárcase no ‘Outono cultural’ do Concello de Pantón e ofrece a oportunidade de ver a obra do galego Lois Patiño un mes antes da súa inclusión en carteleiras.

ORGANIZACIÓN E FINANCIAMENTO
Vendaval pódese seguir por diferentes redes sociais, Instagram e Facebook, e dispón dunha canle de youtube onde se poden ver os trailers das diferentes obras audiovisuais que se proxectan.
Para este ‘Pase de Outono’, conta tamén cun grupo de WhatsApp para a a coordinación entre as persoas asistentes do transporte ata os puntos de encontro. A organización do festival busca con esta iniciativa fomentar as viaxes en conxunto para reducir o impacto medioambiental así como para xerar unha comunidade e contacto entre o público.
O evento é promovido pola Asociación ‘A Memoria é Náufraga’ e é realizado en colaboración co Ministerio de Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia, mediante o programa ‘Territorio Cultura’ concedido pola Consellería de Cultura.

