Enfase Enerxía chegou a Monforte en setembro do 2024 e ten as súas oficinas na Avenida de Galicia, 40 –onde a parada de taxis–. Como asesoría enerxética local, e colaborador oficial de Iberdrola, atende cada día a veciños/as, particulares e negocios, para buscarlles a opción profesional e económica que mellor cubra as súas necesidades enerxéticas. En palabras da xerente, María Lorenzo, “trátase de que veciños, veciñas, negocios e empresas poidan entender o que pagan, aforrar con criterio, e ter un punto de atención próximo, real e de confianza”.
“atende cada día a veciños/as, particulares e negocios, para buscarlles a opción profesional e económica que mellor cubra as súas necesidades enerxéticas”
O sector enerxético volveuse un terreo confuso para moitos usuarios e usuarias que se atopan con tarifas que cambian, facturas que non se entenden, chamadas impersoais… e dúbidas que se amorean sen respostas claras. Partindo desta realidade, o traballo de Enfase Enerxía é ordenar, explicar con atención e resolver dúbidas e incertezas de xente que chega ás súas oficinas tras malas experiencias ou coa sensación de non saber se están pagando de máis.
“Cremos nunha enerxía mellor entendida, mellor xestionada e mellor acompañada. E iso comeza con algo tan fundamental como escoitar as dúbidas e resolvelas con calma”, din dende a xerencia.


QUE SERVIZOS SE OFRECEN EN ENFASE ENERXÍA?
-Revisión da factura explicando onde se pode axustar e aforrar.
-Xestión de contratacións de luz e gas, cambios de titularidade, optimizacións de potencia e calquera trámite con Iberdrola ou a distribuidora.
-Acompañamento a fogares, comercios, autónomos e comunidades que buscan pagar o xusto.
-Asesoría solar para aqueles que queiran dar o paso do autoconsumo.
O horario das oficinas de Monforte é de 9:00 a 13:30 h pola mañá, e de 16:00 a 19:00 h en horario de tarde. Nelas aténdense tanto a particulares como a empresas, un sector –este último– ao que lle dedican unha canle específica dende hai 2 meses.

APOSTA POLO TRATO AO CLIENTE E INTEGRACIÓN NO TECIDO LOCAL
Enfase Enerxía empezou cunha oficina en Ourense e agora conta con presenza, ademais de Monforte, en Verín e no Barco de Valdeorras. Un crecemento que fan posible equipos de traballo especializados en asesoría enerxética local e cuns principios moi definidos: ofrecer confianza, seguridade, claridade e proximidade.
María Lorenzo afirma que “moita xente que entra na oficina vén referida por outros clientes destacando a atención e o trato personalizado que ofrecemos”, e engade “a atención rápida e con pouca información crea confusión e dúbidas, por iso empresas como a nosa, gaña terreo”.
“asesora a empresas e comercios locais, conta con dúas empregadas de aquí e están asociados ao Centro Comercial Urbano”
A súa aposta por Monforte como cidade forte e grande do sur de Lugo é clara. En setembro de 2024 estableceuse nunhas amplas oficinas nun baixo que fai recuncho coa Avenida de Galicia e a Rúa Roberto Baamonde –onde estivo anteriormente o Banc Sabadell–, asesora a empresas e comercios locais, conta con dúas empregadas de aquí e están asociados ao Centro Comercial Urbano. E precisamente con esta entidade están estudiando ofrecer de cara ao 2026 algunha promoción específica para os seus asociados e asociadas.


