A autovía A56 é unha infraestrutura estratéxica para vertebrar o interior de Galicia a e impulsar o desenvolvemento económico e social das comarcas que atravesa. A infraestrutura está planificada desde fai máis de 20 anos e acumula atrasos que, para a organización nacionalista, son “inxustificábeis”.
“Cun investimento inicialmente previsto de 525 millóns de euros, apenas foron executados arredor de 50 millóns e só están en servizo 9 quilómetros correspondentes ao tramo San Martiño–A Barrela, aberto no ano 2020 após máis dunha década de obras e períodos de total parálise”, aseguran.
O deputado nacionalista, Nestor Rego, lembra que a única vía que conecta Ourense con Lugo, na actualidade, é a N-540 que se atopa nun pésimo estado de conservación. “O Goberno anunciou unha reforma integral mais aínda non finalizou e quedan moito tramos e moitas zonas que continúan cun estado deplorábel”.
“Estamos diante dunha autovía fantasma, reducida a unha illa sen funcionalidade ningunha, mentres o Ministerio mantén bloqueados o resto dos tramos”, denuncia. Rego subliña que esta infraestrutura é fundamental para comarcas como Lugo, A Ulloa, Chantada, Sarria, Terra Chá, Terra de Lemos e Ourense, e considera inadmisíbel que, a día de hoxe, os tramos lucenses permanezan completamente paralizados, sen avances nin prazos coñecidos.
O deputado nacionalista tamén advirte das consecuencias do anuncio do Ministerio de Transportes de realizar un estudo integral de todo o denominado corredor da A-56, “Esta decisión só serve para alongar aínda máis os prazos, introducir máis incerteza e mesmo pór en cuestión a propia natureza da autovía. O que fai falta non son máis estudos, senón vontade política, orzamento e un calendario claro”.
A través desta iniciativa, o BNG esixe ao Goberno do Estado que saque da parálise administrativa todos os tramos da A-56, que detalle publicamente o estado real de cada un deles e que presente un plan concreto de execución con prazos definidos, priorizando aqueles tramos que dean continuidade ao único actualmente aberto. “O Ministerio ten a obriga de demostrar un compromiso real que aposte pola cohesión do territorio galego, o reequilibrio territorial e por garantir infraestruturas dignas para o interior do país, sen máis atrasos nin escusas” conclúe Néstor Rego

