A incorporación á AEE permitirá ao Consorcio sumar esforzos cunha rede estatal especializada en ecoturismo, compartir boas prácticas e avanzar en accións orientadas a consolidar a posición da Ribeira Sacra como destino de referencia en experiencias responsables vencelladas á natureza, á paisaxe e ao patrimonio.
Pola súa banda, a AEE subliña que esta adhesión reforza o compromiso do destino cun modelo turístico sostible e de calidade, e destaca que “Ribeira Sacra conta cunha importante traxectoria no impulso do ecoturismo no territorio, poñendo en valor os seus recursos naturais e culturais e impulsando o ecoturismo no seu territorio”.
Ribeira Sacra conta cunha destacada riqueza ambiental e paisaxística, con espazos naturais protexidos (Reserva da Biosfera, Xeoparque Mundial Montañas do Courel, 7 espazos en Red Natura, etc.) e cunha crecente actividade de iniciativas turísticas vencelladas ao territorio. Neste contexto, o CTRS considera clave dispoñer dun marco que acompañe e ordene o desenvolvemento do ecoturismo, garantindo criterios comúns de sostibilidade e de contribución ao destino.
O obxectivo principal desta actuación é concienciar sobre o desenvolvemento sostible do turismo nos espazos naturais e visibilizar os servizos e proxectos que se desenvolvan de forma respectuosa co medio e cos recursos que os rodean, favorecendo a súa conservación e un desenvolvemento con garantías para a comunidade local.
O seguinte paso a esta adhesión será a contratación dunha asistencia técnica para facilitar a incorporación daquelas empresas que o desexen e que cumpran os requisitos da marca “Soy Ecoturista”, ofrecéndolles unha plataforma para dar visibilidade á súa actividade, ademais de accións formativas e de creación de produto. Cabe destacar que, neste momento, xa son 11 as empresas do xeodestino que se acreditaron con anterioridade dentro do proxecto “Corredor de ecoturismo da España Verde”, no que tamén participa o Consorcio.

