HomeCulturaCarlos Blanco chega a Monforte dentro da programación teatral do primeiro semestre...

Carlos Blanco chega a Monforte dentro da programación teatral do primeiro semestre de 2026

Presentará o seu espectáculo “A Penúltima”, unha das sete propostas que completan a programación de artes escénicas que oferta o concello no Edificio Multiusos ata o mes de abril.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A carteleira deseñada desde a Concellería de Cultura, e dentro do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, incorpora para este comezo de 2026 un total de espectáculos que se desenvolverán entre o 29 de xaneiro e o 26 de abril.

Seis das sete obras programadas están dirixidas ao público adulto e unha ao público infantil. No que respecta aos horarios, todas as funcións comezarán ás 20.15 horas, agás a infantil que será ás 18.00h, e as entradas terán un prezo de 5 € para o público xeral e de 3 € para menores, estudantes, desempregados e xubilados.

O Alcalde, José Tomé Roca, anima aos monfortinos e monfortinas á asistencia poñendo en valor que a programación forma parte dunha “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda semestral”.

A PROGRAMACIÓN

A axenda arrinca xa este mes, concretamente o día 29 de xaneiro coa obra “O proceso”, unha peza que leva a escena a compañía Malasombra e está escrita e dirixida por Cándido Pazó.

A devandita obra preséntase como un sainete cómico que rememora uns feitos históricos acontecidos en 1880 cando o escritor Manuel Curros Enríquez foi denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro “Aires da miña terra”.

A seguinte proposta escénica na axenda chegará o 19 de febreiro cunha coprodución do Centro Dramático Galego e Contraproducións, compañías que levan ao teatro “Memorias dun neno labrego”, unha montaxe baixo a dirección e dramaturxia de Cándido Pazó e adaptada a partir da senlleira obra de Xosé Neira Vilas. Ademais, esta peza chega coincidindo co décimo aniversario do pasamento do autor Neira Vilas.

A seguir, e tamén en febreiro, o xoves 26 de febreiro é a quenda de Producións Teatrais Excéntricas, coa peza “As desterradas”, escrita por Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval.

Para o mes de marzo hai dúas propostas tamén moi interesantes. Por unha banda, a compañía Artyc Content presentará o 12 de marzo “A Historia vaxenial”, unha obra galardoada co VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade e que retoma o espírito da serie web da mesma autoría que foi gañadora dun Maestro Mateo. E por outra, o actor galego Carlos Blanco presenta o 26 de marzo o seu espectáculo de monólogos “A Penúltima”. A Penúltima… porque nunca se sabe –refire o protagonista–. Un espectáculo de Carlos que chega con imaxes, con historias novas e antigas, mais sempre retratando coma ninguén o xeito de ser galego.

E xa para rematar o ciclo, no mes de abril hai programadas dúas funcións: A primeira, o día 23, a cargo da compañía Teatro Guirigai, coa peza para público infantil “Amalia y el río, historia de una estraperlista”; e a segunda, o día 26, baixo o título de “Berenguela na gaiola”. Trátase dunha divertida e emotiva proposta para público familiar que fan posible Galeatro e Xarope Tulú en colaboración co Centro Dramático Galego e o Festival Internacional de Teatro de Carballo (FIOT). A dramaturxia e dirección corre a cargo de Paula Carballeira e o elenco de actores está composto por Alba Bermúdez, Tone Martínez e Atenea García. Esta peza foi gañadora do IV Certame Manuel María de Proxectos Teatrais en 2025.

O PROCESO”, PRIMEIRA OBRA D PROGRAMADA

Esta peza, do grupo Malasombra, está escrita e dirixida por Cándido Pazó, e conta coa participación no escenario dun elenco integrado Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal.

SINOPSE

En 1880, o bispo de Ourense denuncia a Curros Enríquez por uns poemas do seu libro “Aires da miña terra”, un dos piares do Rexurdimento galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.

A partir destes feitos históricos, Cándido Pazó constrúe unha peza teatral que, en ton de sainete cómico protagonizado por unha galería de personaxes populares do Ourense de finais do XIX, aborda con frescura e desenfado, pero con rigor e reflexión, a cuestión do hoxe en día chamado ‘lawfare’, así como outros temas (a lingua, a cultura, a identidade…) que seguen vixentes na actualidade.

ÚLTIMAS

Arias aborda co alcalde de Taboada as melloras que se executarán na estrada autonómica LU611 que conecta con Rubián

Entre outras cuestións, Arias avanzou que a Xunta executará obras de conservación e mellora...

Atropelado por un tren tras cruzar un paso a nivel en Monforte

Un home resultou ferido este domingo tras ser atropelado por un tren en Monforte....

A Fundación Amigos de Galicia desenvolveu 1.428 atencións de orientación laboral na provincia durante o 2025

A atención presencial préstase desde a oficina situada na rúa Rolda das Mercedes, 14,...

Claudia Taboada, actriz con raíces maternas en Quiroga: “É ridiculamente marabilloso ser intérprete”

Falamos con Claudia Taboada, quiroguesa por vía materna e moi ligada a este concello...