HomeEconomíaEmpresarias reivindican a súa voz e acción para mellorar a situación socioeconómica...

Empresarias reivindican a súa voz e acción para mellorar a situación socioeconómica da Ribeira Sacra

Fixérono no contexto dunha xornada de Talento Feminino no Rural que se desenvolveu este 14 de xaneiro no Castelo de Castro Caldelas promovida pola Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next e a Asociación de Empresarias de Galicia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O encontro de Talento Feminino no Rural que tivo lugar no Castelo de Castro Caldelas foi todo un éxito reunindo a case medio cento de persoas vinculadas coa muller, o emprego, o emprendemento, o medio rural, o sector primario e servizos, o asociacionismo, a empresa ou as administracións.

A iniciativa partía da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next e a Asociación de Empresarias de Galicia e achegaba a este encontro 6 mulleres que aportaron a súa experiencia para visibilizar e inspirar o talento e o liderazgo das mulleres emprendedoras e empresarias. Todas elas, mulleres vinculadas ao rural por orixe, por actividade ou por forma de vida.

Mulleres emprendedoras participantes coa Alcaldesa de Castro Caldelas no medio. Foto: Asoc. Empresas Ribeira Sacra Next.
As 6 mulleres emprendedoras xunto coa persoa moderadora. Foto: Asociación Empresas Ribeira Sacra Next.
MULLERES PARTICIPANTES

Sandra Viñas Diz, CEO de Mare Monte Setas, despois de estar ao cargo de 180 empresas nunha xestoría, hai uns anos comeza desde Sanxenxo coa comercialización de setas frescas en conserva nunha aposta por traballar desde a sostibilidade e o medio rural. Forma parte de numerosas asociacións relacionadas coa muller e o rural.

Raquel Estévez Rodríguez, auxiliar de enfermaría que despois de anos traballando no coidado de maiores e dependentes nas residencias de maiores, no 2018 pon a andar en Monforte de Lemos o centro de día Vida, con 40 prazas para a atención a persoas maiores e con discapacidade desde un trato máis humano e persoal.

Elisa Fernández Ferreiro, educadora e consultora financieira. Traballou como administrativa por conta allea e decide trasladarse a San Xoán de Río polas avantaxes económicas que ofrece o rural e iniciar dende aquí un camiño de emprendemento, acompañar con moitas viaxes e grazas á tecnoloxía a persoas e Pemes que queren coñecer mellor o seu mundo financieiro.

Olalla Cuiña Gómez, primeira presidenta do Consello de Administración do grupo empresarial da familia Cuiña, que xera máis de 400 empregos con empresas como Metaldeza ou Inasus, destinada ao deseño, fabricación e montaxe de fachadas, sendo a encargada de vestir o novo Santiago Bernabeu. Con dous fillos pequenos, explicou a vida como muller no sector industrial internacional, maioritariamente masculino; e a importancia dun equilibrio entre a vida profesional e privada.

Lucía López Sobrado, formouse en veterinaria para aportar máis valor á empresa familiar, Gandaría Puluán en Monforte de Lemos. Achegou a experiencia dunha vida cotiá vinculada ao sector primario e como na actualidade se está innovando e revalorizando o sector agrogandeiro que cada vez reclama máis man de obra. Coa produción das máis de 280 vacas da explotación, Puluán tamén fai queixos macerados con viño Mencía.

Pilar Díaz Vázquez, que no 2000 puxo en marcha en Pantón, a casa de turismo rural Casa dos Muros, repasou a súa traxectoria de emprendedora e as dificultades para encontrar receptividade administrativa e social nos inicios de calquera proxecto. Cun cuarto de século coa casa, a ilusión do emprendemento inicial mantense creando alternativas de lecer experienciais no turismo rural.

O ENCONTRO

O encontro, que comezou coa benvida por parte da alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, da Vicepresidenta de Ribeira Sacra Next, Marisol Borrajo e Isabel Álvarez e Gala LLano da directiva de Empresarias Galicia, puxo enriba da mesa diferentes temas arredor do emprendemento feminino; entre eles as dificultades de emprender de cero sendo muller no rural ou a eliminación de estereotipos sobre o seu papel nos procesos tecnolóxicos e produtivos.

Falando de emprendemento feminino abordouse a falta de confianza e apoios próximos cando se plantexan emprendementos; a burocracia e trámites administrativos que dificultan calquera xestión; a pouca receptividade dos concellos rurais ás innovacións e propostas diferentes, pedindo ás administracións locais que escoiten con máis atención as iniciativas empresariais. As dificultades para comezar de 0 sendo muller no rural a pesar das axudas específicas para o rural e a muller; a complexidade de delegar traballos organizativos cotiás; a conciliación, e sexualización do valor profesional ou os abusos de poder.

Herdamos unha sociedade históricamente masculinizada e na Xornada de Castro Caldelas tamén se repasou a nova realidade da muller ocupando cargos de poder na administración e nas empresas, “Marta Ortega como presidenta de Inditex, dúas conselleiras no sector primario, o 22% de alcaldesas en Galicia e cada vez máis mulleres en postos de representatividade,…sendo cada vez máis nas posicións de liderado podémonos axudar máis”.

Éxito de participación na Xornada sobre Talento Feminino no Rural. Foto: Asociación Empresas Ribeira Sacra Next.
RIBEIRA SACRA NEXT

Ribeira Sacra Next, que ten na súa esencia a unión socioeconómica do territorio que abrangue, aposta pola colaboración nun momento cada vez máis complexo. E esa foi unha das principais conclusións da xornada de Talento Feminino que impulsou, establecer redes de colaboración e apoio entre as mulleres que afrontan en calquera espazo empresarial situacións de desigualdade máis ou menos similares. “Ter espazos para o noso propio discurso. Con apoios, as dúbidas e os medos para emprender enfócanse mellor. Encontros para recoñecernos e empoderarnos. O empoderamento medra exponencialmente”, confirmábase así que esta iniciativa seguirá tendo continuidade con diversas fórmulas para seguir tecendo estas redes.

ÚLTIMAS

Monforte anuncia corte na subministración de auga este 21 de abril no Polígono Reboredo, Piñeira e Distriz

O motivo deste corte é a realización de obras na rede de tubaxes co...

CV Ciudad de A Coruña gaña o Campionato Galego de Volei Feminino Cadete que se celebrou en Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto co Concelleiro de Deportes, José Manuel...

Do 21 de abril ao 20 de maio pódese solicitar a inscrición en Artelemos 2026

As artesás e artesáns interesados en participar deberán presentar o modelo normalizado de solicitude...

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...