O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, deron conta da renovación do acordo, que contribúe a soster un “servizo fundamental para a veciñanza e para os sectores gandeiro e cárnico da comarca, mantendo a xestión pública das instalacións”.
Efrén Castro explicou que se daba continuidade á colaboración iniciada no 2025 para manter a xestión pública do matadoiro contribuíndo a financiar o custo que supón para o concello. O vicepresidente encadrou esta colaboración co Concello “no apoio ao sector gandeiro da comarca e á valorización dos produtos de proximidade e de calidade”
Nese sentido, anunciou tamén unha achega de 10.000 euros para a organización da Festa do Cocido do Porco Celta, que se celebrará este sábado -31 de xaneiro – no campo da feira de Sarria. Unha celebración que reflicte a tradición destas carnes en Sarria e promociona a súa calidade.
Claudio Garrido sinalou, pola súa banda, que a colaboración da Vicepresidencia da Deputación reforza a Festa, e abre o horizonte para aspirar ao seu recoñecemento como Festa de Interese Galego. A celebración está organizada poloa concello de Sarria en colaboración coa Asociación de Hostaleiros da Comarca de Sarria. No xantar servirase cocido con chourizos, lacón, butelo, espinazo e cachola de Porco Celta.

